DEZ ANOS NA PROCURA DE SOLIDARIEDADE

O sangue é un elemento que non se pode fabricar nin improvisar, que aporta os elementos fundamentais para a nutrición e defensa do noso organismo, e que tódolos días do ano precisan moitas persoas que son sometidas a intervencións cirúrxicas, que sufriron accidentes de tráfico ou laborais, que padecen anemias, hemorraxias, enfermidades crónicas, cancro, leucemia, que reciben transplantes de órganos...

Dende 1985, a lexislación estatal e autonómica define a doazón de sangue como un acto:
* VOLUNTARIO. Ninguén pode obrigar a unha persoa a doar .
* UNIVERSAL e ANÓNIMO. O doador e o receptor non se coñecen.
* ALTRUISTA e GRATUITO. Non se paga a doazón, nin se lle cobra ó enfermo o sangue que recibe. Artigo 3º. Apartado 1. "A doazón de sangue ou algún dos seus compoñentes constituirá sempre un acto de carácter voluntario e gratuíto e, EN NINGÚN CASO, existirá retribución económica para o doador NIN SE ESIXIRÁ ó receptor prezo ningún polo sangue recibido".
* RESPONSABLE. É vital, para a seguridade transfusional, que o doador aporte toda a información posible sobre o estado da súa saúde, xa que o sangue vai destinado a axudar á recuperación dos doentes.

O Centro de Transfusión de Galicia (CTG), Fundación Pública de Interese Galego dependente da Consellería da Sanidade, iniciou as súas actividades en agosto de 1993. Situado no campus universitario de Santiago, subministra compoñentes sanguíneos as 24 horas do día a tódolos centros sanitarios da comunidade autónoma. Cada día NOVE unidades móbiles percorren os concellos galegos para atender a tódalas persoas que desexan realizar este acto altruísta. As doazóns recollidas nas unidades móbiles e nos locais de doazón dos hospitais, envíanse a diario ó CTG para o seu procesamento, análise e conservación. Por outra banda, o CTG establece con cada un dos hospitais galegos unhas reservas de seguridade dos diferentes grupos sanguíneos. Diariamente, cada un deles solicita ó CTG os compoñentes sanguíneos que necesita para desenvolve-la súa actividade asistencial programada e facer fronte ás urxencias.

En agosto de 1993 comezaba o labor do CTG, ocupando a nosa comunidade autónoma o último lugar de España en taxa de doazón de sangue (25 doazóns por cada 1.000 habitantes e ano). O desenvolvemento de intensas campañas informativas e dun amplo sistema de doazón mediante unidades móbiles e locais de atención ó doador nas sete grandes cidades, produciu unha progresiva concienciación da poboación. O CTG realiza campañas de doazón de sangue tódolos días nos núcleos principais de poboación dos concellos, nas parroquias, barrios das grandes cidades, empresas, centros de ensino secundario, escolas e facultades universitarias,... o que facilitou a participación de tódolos colectivos sociais, con especial mención dos máis novos, xa que na actualidade a metade dos doadores de sangue en Galicia teñen entre 18 e 32 anos.

As 115.793 doazóns de sangue do pasado ano 2002, que representan 43 doazóns por cada 1.000 habitantes e ano, fixeron que por terceiro ano consecutivo acadásemos o índice recomendado pola Organización Mundial da Saúde para alcanza-lo autobastecemento en compoñentes sanguíneos (40 a 60 doazóns por cada 1.000 habitantes e ano), superando a media de doazón estatal, que actualmente está en 39 doazóns por cada 1.000 habitantes. Nos dez anos de actividade do CTG, Galicia foi a comunidade de maior incremento acumulado en número de doazóns de sangue, cun crecemento do 68 %, o que motivou que nos convertesemos na quinta comunidade en participación a nivel estatal.

Provincia
Doazóns 2001
Tasa de Doazóns 2001
(censo 2001)
Doazóns 2002
Tasa de Doazóns 2002
(censo 2002)
Incremento
2002/2001
A Coruña
55.310
50/1000
55.294
50/1000
0%
Lugo
9.424
25/1000
10.100
28/1000
7%
Ourense
8.561
24/1000
9.922
29/1000
16%
Pontevedra
38.221
43/1000
40.477
45/1000
6%
Galicia
111.516
41/1000
115.793
43/1000
4%

Como se pode comprobar, a descentralización da atención ós doadores mediante o desprazamento das unidades móbiles, logrou incrementar de xeito espectacular a taxa de doazón de sangue e cubrir tódalas necesidades dos nosos hospitais. A decisión da Consellería de Sanidade de centralizar nun único centro de transfusión o procesamento e distribución dos compoñentes sanguíneos, permitiu garantir que os enfermos da nosa comunidade reciban hemoderivados cunha calidade homoxénea, obtidos a partir dos máis estrictos criterios de seguridade transfusional. Esta forma de organización da Hemodoazón e da Hemoterapia, permitiu ó CTG ser un dos centros de transfusión que máis unidades procesa de toda España, o que repercutiu nun mellor aproveitamento dos recursos e nunha maior seguridade transfusional.

Neste senso, quero salientar que o estudio e prevención das enfermidades transmisibles polo sangue é un dos obxectivos prioritarios do CTG e é o campo onde destináronse máis recursos. Implantouse a tecnoloxía máis avanzada para poder da-la máxima garantía de seguridade que se pode ofrecer na actualidade ós receptores dos hemoderivados. Ademais, o CTG foi dos primeiros centros de España en implantar medidas como a filtración dos glóbulos brancos, a inactivación viral do plasma sanguíneo; e mesmo probas analíticas adicionais, como a detección de enfermidades transmisibles mediante oestudio do ADN, para aumenta-la seguridade na transfusión dos compoñentes sanguíneos.

O CTG agradece a colaboración desinteresada que prestan no desenvolvemento das campañas de doazón numerosas persoas, institucións, medios de comunicación e asociacións, especialmente a Federación Galega de Irmandades de Doadores de Sangue. Esta axuda resulta imprescindible para poderen supera-las dificultades debidas á dispersión da poboación, e facer chega-la información necesaria ós cidadáns para que decidan participar neste acto solidario. Tamén quero agradece-la axuda prestada por ALCER Ourense, que sempre que ten oportunidade ofrécenos a posibilidade de participar en proxectos conxuntos, entendendo que a doazón de órganos e a doazón de sangue deben unir esforzos.

En 1993 e 1994 a provincia de Ourense sufriu un preocupante retroceso no número de doazóns (-12,2%). Coa implantación das campañas de doazón do CTG en 1995, esta situación corrixiuse paulatinamente, lográndose un aumento na participación do 28% ata o pasado ano 2002. Nembargantes, con 29 doazóns por cada 1.000 habitantes e ano, atópase aínda lonxe da media de doazón de Galicia. As características sociodemográficas desta provincia, fundamentalmente a dispersión e o envellecemento da poboación, dificultan o desenvolvemento de campañas de doazón de sangue e esixen do CTG un esforzo engadido para tentar achega-la taxa de doazón á media galega.

A taxa de doazón de sangue en Galicia medrou significativamente nos últimos anos pero tamén produciuse un importante crecemento na actividade asistencial hospitalaria que incidiu directamente no aumento das necesidades de sangue. Cada día os hospitais galegos atenden unha media de 2.700 urxencias, realizan 490 intervencións cirúrxicas e dous transplantes de órganos ou tecidos. O gran crecemento na actividade asistencial, xustifica aínda máis o obxectivo que persigue o CTG de continuar incrementando a participación dos cidadáns. No ano 2003 precisaremos en Galicia ó redor de 120.000 doazóns de sangue para cubrir tódalas necesidades dos nosos hospitais.

O avance da medicina permitiu solucionar moitas enfermidades, mellora-la calidade de vida de moitos enfermos e aumentar de forma significativa a nosa esperanza de vida. En moitas ocasións, isto é posible gracias a que, cada día, centos de persoas amosan a súa solidariedade doando un pouco dese líquido vital e insubstituible que corre polas nosas veas. O xesto sinxelo de doar sangue permite que cada día moitas persoas poidan curar e mesmo salva-la súa vida.

Durante estes dez anos, en Galicia houbo máis de 1 millón de doazóns de sangue. Non é posible esquece-lo agradecemento profundo e sincero que temos que trasladar ás mulleres e homes que decidiron voluntariamente participar neste acto altruísta e soamente podemos dicir: 1 millón de gracias.

(Julio Flores Pérez, Coordinador da Promoción da Doazón de Sangue,
Centro de Transfusión de Galicia - CTG -, Santiago de Compostela - A Coruña)

 

alcerourense@hotmail.com Aviso Legal
Ir á Portada volta atrás imprimir