"E NO MESMO SACO: AIXIÑA"

AIXIÑA

Aixiña é unha Asociación sen ánimo de lucro creada para a atención a persoas con minusvalía física, parálise cerebral e terceira idade dependente. O seu ámbito é a provincia de Ourense e conta neste momento cuns 750 socios, dos cales 440 están afectados por algunha discapacidade. A súa creación emana tan só do ano 1991, se ben as súas raíces entroncan no voluntariado e servicios que viña prestando outra asociación de traxectoria similar dende 1969 chamada “Auxilia” e de ámbito nacional.

Obxectivos da Asociación

Entre os obxectivos fundamentais de Aixiña está a integración social e laboral de persoas con discapacidade, a través de servicios de orientación xeral, de formación e de actividades como: deporte para parálise cerebral (boccia), atención directa no medio rural, transporte adaptado, terapias rehabilitadoras, Centro Especial de Emprego e diversas actividades de ocio e tempo libre (Magosto, festa de Reis, Entroido, cea de Nadal, romaría en Allariz, xornadas de xogos de mesa, xornada de pesca adaptada, excursións, convivencias en Sanxenxo, publicación da revista de difusión interna ERMA). Tampouco podemos esquece-la atención específica a persoas da terceira idade con dependencia de terceira persoa tales coma enfermos de Alzheimer, para os que en breve se contará cun Centro de Día.

Voluntarios da Asociación

Todas estas actividades lévanse a cabo coa indispensable colaboración do grupo de voluntariado da Asociación, que permite ademais que xurdan novas iniciativas en resposta a calquera problemática que se detecte, facendo de Aixiña unha Asociación dinámica e en constante cambio.

Domicilio Social

Actualmente Aixiña ocupa un Centro duns 7.000 m2 no que tamén se sitúan os locais sociais doutras asociacións ourensás e un Servicio de Intermediación Laboral. Este Centro, con tódalas súas instalacións e todo o proxecto que integra, é dos que merece a pena coñecer.

Centro Integral de Servicios “AIXIÑA”
Rúa A Farixa, 7 (Finca Sevilla) - 32.005 OURENSE
Area Social: Tlf: 988 23.33.04 /// Fax: 988 24.66.89

Susana Álvarez Cabanelas

Responsable da Area Social de AIXIÑA - Ourense

 

alcerourense@hotmail.com Aviso Legal
Ir á Portada volta atrás imprimir