GALICIA
PRESENTE NO EUROPEAN CINEMA AND AUDIOVISUAL DAYS
A Axencia Audiovisual Galega estará presente no Foro da Coprodución
do European Cinema and Audiovisual Days que se celebra do 18 ao 20
de novembro na cidade italiana de Turín. O principal obxetivo
deste foro é identificar e promover o cine e os proxectos audiovisuais
de calidade para que poidan participar dos fondos, a financiación
e a coprodución das rexións de Europa.
O director xeral do European Cinema and Audiovisual Days, Alessandro
Signetto, estendeu tralo seu paso polo Festival de Cine Internacional
de Ourense un convite especial á Axencia Audiovisual Galega,
que acode a esta edición de 2008 representada por Enrique Nicanor.
A misión de ECAD é reunir nun mesmo foro ás institucións
e profesionais das rexións e/ou comunidades autónomas
de Europa para promoveren e desenvolveren proxectos de coprodución
nos que que teñan cabida guionistas, produtores, directores,
creativos e distribuidores.
Aos participantes ofrécelles un rico programa de conferencias,
presentacións, seminarios, casos de estudo e masterclasses
para tentar reforzar a colaboración e fomentar o intercambio
de experiencias e métodos de traballo así como de facilitar
a entrada de profesionais estranxeiros no mercado audiovisual italiano.
Este ano, tomando como eixo fundamental a financiación e a
xestión de créditos, convidouse entre outros fondos
rexionais europeos aos representados nas delegacións de FFF
- Film FernsehFonds Bayern, Wien Filmfonds, Rotterdam Film Fund e
a Axencia Audiovisual Galega.
Para a edición de 2008 agárdase a participación
de preto de 400 profesionais, incluíndo alomenos 12 commissioning
editors pertencentes aos grupos de traballo das televisións
europeas máis importantes e 160 profesionais de 20 países
europeos distintos. Espérase que aproximadamente o 25% dos
proxectos seleccionados poidan estar en produción nos vindeiros
24 meses e que o 40% dos documentais e proxectos de animación
escollidos poidan estar basicamente en fase de finalización
nese mesmo periodo de tempo.
A sexta edición das xornadas europeas do cinema e o audiovisual
complétase coa feira CineShow, a primeira feira de Italia dedicada
a equipos profesionais do cine, a televisión e os novos media. |
|