|
Premiados galegos no XI Festival de Cine
O día 11 de novembro rematou o XI Festival Internacional de Cine Independente de Ourense e entre o seu palmarés figuran dúas películas galegas; De bares , que obtivo o Premio Especial do Xurado na categoría de longametraxes e Pensando en soidade, que acadou o recoñecemento ao Mellor Director no apartado de documentarios. Trátase de dous destacados filmes que veñen a demostrar que o cinema galego ten futuro e que o necesario é que se apoie de unha forma constante e decidida.
De bares é a ópera prima do seu director Mario Iglesias, que xa obtivo diversos recoñecementos no mundo da curtametraxe como o demostran os numerosos premios acadados por Madres, coa que tamén participaba en esta edición do Festival. Iglesias acada con este filme un magnífico traballo no que destaca o estilo de realización fresco e orixinal que utiliza, con influenzas do Dogma e da Nouvelle Vague mesturado coa poética dos clásicos americanos. De bares conta con unhas axustadas interpretacións que, como salientou o Xurado, logran reflectir un ton de veracidade ás soberbias historias que forman a trama.
Pensando en Soidade trátase de un documentario dirixido por Marcos Nine, que recupera a figura do que para moitos foi o pai do cinema en Galicia: José Ernesto Díaz Noriega. Nine obtén un excelente documentario onde destaca unha montaxe feita con moito ritmo e gran habilidade, que mestura entrevistas a familiares e amigos de Noriega con pedazos de obras por el realizadas, dándolle a todo o filme, como ben indica o Xurado , “unha visión irónica, tenra e lúcida de un personaxe que foi mestre de boa parte dos modernos cineastas galegos”.
Valentín
Barreiros |