Ir á Portada imprimir volta atrás

Chano en Ourense

Chano Piñeiro.O nome de Chano Piñeiro ten unha significación mítica dentro do contexto do audiovisual galego, porque a pesar de ser un cineasta que non mantivo un contacto moi directo cos grupos audiovisuais formados na década dos setenta para moitos converteuse na bandeira de ese cinema.

Na traxectoria de este ilustre director, bastante curta debido a sua repentina morte no ano 1995, destacan dúas películas que para moitos son as súas mellores obras e que foron rodadas na nosa provincia; Mamasunción (1984) e Sempre Xonxa (1989). Ambos filmes teñen á emigración como principal protagonista e encádranse no marco dunha Galicia rural que padece constantemente as consecuencias da marcha da súa xente para o exterior.
Chano nun fermoso artigo publicado no xornal La Región, sinala que "Baíste e Rubillón son os verdadeiros protagonistas de Mamasunción. Son dous lugares do Axuntamento de Avión que están ó rente da Provincia de Pontevedra pousados nas ladeiras dos montes onde o Suido empeza a morrer. Postos de fonte ó sol nacente. Son lugares fríos con xente aberta, quente e sociable, xente esquecida pola Administración á que non lle crea problemas, senón divisas". Todo o artigo de Piñeiro é un sinceiro e agradecido recoñecemento á xente de esas localidades onde crearon un ambiente de colaboración e ledicia que facilitou en todo o momento o traballo do equipo de rodaxe.

En canto a Sempre Xonxa, a "película acontecemento do cine galego", Piñeiro contou coa inestimabel colaboración dos concellos valdeorreses de O Barco, A Rúa e Petín para o séu financiamento e coa inmensidade do paisaxe valdeorrés e a aldea de Santa Olaia (Petín) como localizacións onde transcorren varias secuencias, e tamén coa xente de esas localidades que estaba totalmente volcada coa producción.
Como se pode observar Ourense tamén forma parte de estas produccións, que son verdadeiros referentes para o audiovisual galego e que demostran o que Chano Piñeiro dixera en repetidas ocasións: "Facer cine en Galicia é posible. Facer cine en Galicia é necesario".


Valentín Barreiros