Ir á Portada imprimir volta atrás

O Dúplex

Soamente nos decatamos do que tiñamos cando deixamos de telo, iso sempre sucede irremediabelmente, somos así, sempre tropezamos dúas (ou máis) veces na mesma pedra.

Todo isto ven a conto porque pechou o Dúplex, ou mellor dito deixamos que pechara o Dúplex, xa que un cine sen público é imposíbel de manter e ben certo é que desde fai varios anos a baixada de espectadores nesta sala foi moi importante.

Durante os seus vinteún anos de existencia foi un dos locais de referencia en Ourense, un privilexio para a nosa cidade. Alí se proxectaba un tipo de cine distinto, onde se podían ver películas de grande calidade e que acostumaban a estar lonxe do cine puramente comercial; era o refuxio do cine independente e comprometido.

Ademais compre salientar que esta sala, co seu propietario Benito Álvarez á cabeza, sempre tivo a man tendida aos distintos eventos que se desenvolvían na cidade, xa que nela se fixeron (e parece que este ano aínda vamos ter sorte de que se fagan) proxeccións do Festival de Cine Independente de Ourense , ademais de darlle cabida a distintos ciclos organizados polo veterano cineclube Padre Feijoo.

Era o típico cine familiar, acolledor, no que te sentías coma na túa propia casa, no que percibías unha especial sensibilidade por ofrecer algo máis que puro entretemento, onde o gusto pola Sétima Arte se percibía en cada rincón, en cada detalle. Alí puidemos ver películas que xa forman parte da nosa vida, das que nunca se esquecen, cine de diversas nacionalidades; cine de calidade.

Por todo isto e por moito máis penso que é de xustiza expresar o máis sincero agradecemento ao templo da cinefilia ourensá, e a Benito Álvarez e o resto de persoal que formaban parte deste local, que xa forma parte importante da historia do cinema na nosa cidade e das nosas vidas.

Grazas por todo e ata sempre apreciado Dúplex, foi un pracer.

Valentín Barreiros