|
Concursante
O nome do director ourensán Rodrigo Cortés comezou a soar con forza a principios da actual década debido ao éxito da súa curtametraxe 15 Días, que acadou un gran número de galardóns en distintos festivais ata converterse na curta máis premiada do cinema español. Na nosa cidade puidemos visionala por primeira vez na sección competitiva do 5º Festival Internacional de Cine Independente de Ourense, onde gañou o premio Canal + do Público á Mellor Curtametraxe, e posteriormente nas distintas proxeccións realizadas pola Rede Galega de Cinema Alternativo MrMisto Films, onde tamén se exhibiu a moi interesante Yul, realizada un par de anos antes que ésta. Da súa obra sorprendeu a frescura e orixinalidade do guión, a realización en forma de falso documentario mesturando distintas técnicas cinematográficas e unha montaxe áxil e dinámica que funcionaba cunha precisión absoluta.
Seis anos despois do éxito de 15 Días, Cortés estrea Concursante, a súa primeira longametraxe, protagonizada polo actor arxentino Leonardo Sbaraglia acompañado no reparto pola tamén ourensá Myriam Gallego ademáis de caras coñecidas do noso cinema como Chete Lera e Luis Zahera. A película segundo o propio director é “a crónica do ascenso e a caída dun home normal atrapado nas redes dun premio trampa, a historia dun home durmido, bruscamente espertado a golpes de realidade por unha conspiración económica tan extendida e aceptada que xa ninguén a percibe”, en realidade é unha visión crítica do sistema capitalista e as numerosas contradiccións que rodean a este mundo desenvolvido que non é o que aparenta ser, “é unha radiografía do que hay tras as cortinas”. Rodada a un ritmo “epiléptico” e cunha estructura trepidante, non lineal, compulsiva, chea de flash-backs e cortes narrativos que Cortés sabe combinar perfectamente na montaxe, converten a este notábel filme nunha traxicomedia que mantén ao espectador pegado á butaca na súa escasa hora e media de duración.
Valentín
Barreiros |