Ir á Portada imprimir volta atrás

Apoio a Manolo González

Desde hai un tempo a esta parte observo con certa perplexidade unha serie de novas aparecidas en medios de comunicación onde se critíca moi duramente ao rués Manuel González Alvarez no seu labor como Asesor do apartado de Audiovisual da Consellería de Cultura.
Ao parecer parte do sector audiovisual non está de acordo cos requisitos propostos para poder aceder ás subvencións públicas da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia para proxectos audiovisuais. Certamente me parecen incribeis estas críticas, que máis ben semellan ser unha campaña orquestada e interesada para o descrédito persoal que un rexeitamento sensato e razoado de tales propostas.
O que coñezo do proxecto plantexado por Manolo González cumple unha decidida aposta para a potenciación e promoción da nosa cultura e o noso idioma, pero o que é máis importante constitúe un firme impulso para establecer de unha vez por todas unha verdadeira industria audiovisual, onde se conte de maneira firme e decidida por o persoal técnico e artístico do país.
Porque se alguén en Galicia leva loitado decididamente por acadar un desenvolvemento do sector ese é Manolo González, que sempre fixo unha aposta decidida por converter o audiovisual galego en unha realidade. Desde o seu importantísimo labor como historiador e investigador cinematográfico; pasando por a súa faceta como productor; a súa experiencia profesional como docente; e o seu importante traballo como responsabel de cine e vídeo da Dirección Xeral de Cultura (1984-85), onde se estableceu por primeira vez un sistema de axudas que deron lugar a unha certa profesionalización do sector; ata a posta en funcionamento da Escola de Imaxe e Son da Coruña, da que foi director entre os anos 1991 e 1998 e que sen dúbida supuxo unha verdadeira revolución, xa que foi o lugar onde se formou a maior parte dos profesionais que na actualidade traballan audiovisual galego.
Non teño a menor dúbida do acerto de encargar a Manolo González a responsabilidade de levar a cabo o desenvolvemento do sector audiovisual en esta nova etapa, e invocaría ao noso ben querido Castelao para invitar a non lle poñer chatas a obra nomentras non estea rematada, porque hai sitio para todos e o encargado de dirixila é a persoa idónea a xulgar por a súa brillante traxectoria persoal e profesional.

Valentín Barreiros