Anos 80
Ourense; as vilas collen o relevo
Como
apunta o historiador Eduardo Galán no libro O bosque
inanimado: cen anos de cine en Galicia; "o cinema que se
vai facer en Galicia xa pouco terá que ver co cine alternativo
da década anterior".
Os oitenta son os anos da esperanza, pronto frustrada, da creación
dunha política audiovisual propia, que somentes se vai
dar no escaso ano e medio que está como Director Xeral
de Cultura o ourensan Luís Álbarez Pousa, dende
fins do ano 1983 ata principios do 1985. No breve paso de Álbarez
Pousa pola Dirección Xeral de Cultura "deseñouse
por primeira vez, unha política audiovisual en Galicia
con subvencións á producción cinematográfica-videográfica
e o desenvolvemento dun importante número de medidas
para a creación de infraestructuras".
No que respecta a nosa provincia, unha vez desaparecidas a finais
da década anterior as míticas Xornadas do Cine,
serán as diferentes vilas as que tomarán o relevo
en canto a difusión e promoción do cinema. Desta
maneira o Cineclube Carballiño vai continuar coas súas
Semáns de Cine, e "a partir de 1984 e ata os anos
noventa, as XOCIVIGA transcenderon, gracias ao labor do grupo
de traballo encabezado por Miguel Anxo Fernández, á
súa condición de certame de Cine e Vídeo
para se converteren no punto de referencia inexcusable para
os facedores e difusores do audiovisual galego".
Tamén compre salientar a organización de Semáns
do Cine, nas vilas de Celanova e O Barco de Valedoras, que serán
dirixidas polos Cineclubes Solpor e Groucho Marx respetivamente.
Pola súa banda a Deputación de Ourense impulsará
unha campaña provincial de cinema. E na cidade, o Cineclube
Padre Feijoo continúa a súa labor de promoción
cinematrográfica coa organización das Mostras
de Cine Clásico e Semáns de Cine Sicopedagóxico.
Con respecto á producción audiovisual no Ourense
da década destacamos realizadores xa coñecidos
como; Eloy Lozano que dirixe El castaño, Cuatro escultores
e Numeralia, e desenvolve "unha importante traxectoria
como artista plástico, fotógrafo, deseñador,
publicista e creador videográfico", ademáis
de montar a "súa propia empresa de vídeo
e publicidade, Volalla"; e Ismael González, que
vai a continuar a súa "intensa actividade como productor,
distribuidor e exhibidor, dirixirá Laxeiro en Madrid,
e será o organizador no ano 1981 dos I Encontros de Cine
de Autor e de Arte i Ensaio en Vigo e patrocinador do proxecto
da, pronto desaparecida, Filmoteca do Pobo Galego.
Tamén aparecen novos nomes que van formar parte do audiovisual
como; Miguel Anxo Piñeiro, que realizará Extensión,
Vapor de línea e a serie de ficción da TVG Os
outros feirantes, baseada nos relatos do escritor galego Alvaro
Cunqueiro; Emilio Pérez Calviño que dirixe as
curtametraxes Siempre fue así, A Virxe do Cristal, Negra
sombra e Vagabundos, case sempre contando como principal actor
con Emilio López Varela, co que xa tiña colaborado
como codirector en Y Dios dijo a Caín, a mediados dos
anos 70; e Carlos Pérez que dirixiu, interpretou e produxo
a primeira longametraxe realizada integramente en Ourense Fresas
amargas, que conta a críse existencial na que se sume
un ciruxan despoís de perder a un enfermo nunha operación.
En canto ao estudo e a investigación do audiovisual galego
faise imprescindibel salientar a importante labor do rivadavián
Emilio Carlos García Fernández, autor do libro
Historia del Cine en Galicia (1896-1984), do carballiñés
Miguel Anxo Fernández "crítico cinematrográfico
do xornal La Voz de Galicia dende 1981, colaborador na edición
española da Historia universal del cine, director da
Federación de Cineclubes de Galicia, ademáis de
presentador e director dos programas da TVG Galicia no cine
e Versión orixinal", e o rués Manuel González
Álvarez, "nomeado en 1984 responsable de cine e
vídeo da Dirección Xeral de Cultura, coordinador
do programa A imaxe na escola (curso 1984-85) e responsable
da Videoteca de Galicia (1984-85). Organizador da sección
de vídeo de XOCIVIGA (1984-1989). Con X. L. Cabo cataloga
e fotografía o patrimonio cinematográfico galego.
Colabora nos programas de TVG Encontros, Galicia no cine, A
mellor TV do mundo, e Extramuros", ademáis de publicar
infinidade de artigos e impartir charlas e cursos sobre vídeo
e imaxe na escola.
Salientar tamén as figuras de Xosé Paz, Sexismundo
Bobillo e Marcos Valcárcel como figuras importantes do
movemento cineclubista da década.
Por último, suliñar o pasamento de dúas
das figuras máis importantes que con respecto ao cinema
ten dado a nosa provincia, por un lado o director de O carro
e o home Antonio Román, e por outro un dos referentes
omnipresentes para toda unha xeración de xoves cineastas
galegos, o director de Galicia, Carlos Velo.
Valentín Barreiros