Ir á Portada imprimir volta atrás

Carlos Velo, primeiras pegadas

O director ourensán Carlos Velo Cobelas naceu en Cartelle no ano 1909. Dentro do ambente campesiño e labrego do medio rural, no que o seu pai exercía a profesión de médico, pasou os primeiros anos da sua vida, ata que a idade de dez anos, por decisión do seu progenitor, foi a estudar ao instituto á cidade de Ourense, onde segúndo as súas propias palabras “los demás niños se reían de mí porque no sabía hablar castellano”.

Ao rematar o bacherelato co premio extraordinario matriculase na Escola Normal onde se gradua como mestre nacional . Nestes anos Velo traba unha especial amizade cos irmáns Lorenzo, sobre todo con Xaquín, e ademáis frecuenta con asiduidade as aulas de persoaxes de gran calado intelectual e cultural como Ramón Otero Pedrayo, Florentino López Cuevillas e Vicente Risco.

Este ambente cultural que ofrecía a daquela chamada “ Atenas de Galicia ” vai marcar ao director no que el mesmo chamaba a súa “vocación política”, que será ata o final da súa vida dun marcado carácter galeguista. Tamén foi nestos anos onde tivo o seu primeiro contacto co cinema realizando películas “ ao estilo Meliés ”, xogando a facer trucos cunha cámara pequena, xunto con Xaquín Lorenzo, o fillo do fotógrafo Pacheco, Augusto Pacheco, e o futuro realizador Antonio Román.

Despois de rematar os seus estudos de mestre en Ourense, Carlos Velo vai a Madrid onde comeza a carreira de Bioloxía, que rematará no ano 1932. Posteriormente “impartirá clases de Historia Natural, Fisioloxía e nocións de Física e Química no madrileño instituto de ensino medio Lagasca ”, ademáis de traballar no laboratorio de Entomoloxía de Ciencias Naturais onde coincide con Guillermo Fernández Zúñiga. Ambos comezan a estudar o comportamento dos insectos sociais e Velo prepara a sua tese doutoral onde demostraba as suas teorías “sobre a coordinación da chamada raíña das abellas para controlar a poboación dunha colmea”. “Primeiro presentou a tese por escrito, pero foi rexeitada polo Tribunal. Animado a demostralo con fotografías por María Luísa Santullano, uhna alumna que logo sería a súa dona, Velo decide seguir adiante coa proposta, filmando a tese en 16 mm. coa colaboración do seu compañeiro e amigo Guillermo Fernández Zúñiga”, que logo a convertería en documentario co título La aventura de los Ápidos Apis .

No Madrid da Segunda República Velo vaise a interesar tanto pola acción política como polo cine a través da Residencia de Estudiantes e o Cineclub Español . En 1933 funda o Cineclub de la Federación Universitaria Escolar , momento no que descobre a Flaherty, Eisenstein, Dovjenko, Pudovkin ou Vertov, cuxas influenzas serán definitivas na sua posterior actividade cinematográfica.

Tamén durante esa época Velo ten contacto con Luís Buñuel, tanto por a súa mediación para que o Cineclub Español proxectara La edad de oro , “considerada moi forte, que estaba prohibida pola dictadura de Primo de Rivera e trouxoa o mesmo Buñuel debaixo da gabardina”, como por a consecución das formigas que saen no filme Un perro andaluz , que Buñuel pedira desde París ao Museo Nacional de Ciencias Naturales e Velo recolleu “na Serra do Guadarrama metidas dunha forma especial nun saco para que se conservasen húmidas nas mesmas follas dos piñeiros”

Por outra banda neste curto período de sistema democrático, Carlos Velo escomezará a desenvolver unha actividade cinematográfica que terá continuación tamén no seu exilio mexicano; o documentalismo. Converterase nun referente neste eido dentro do cinema español, como indica o historiador Fernando Redondo Neira; “ o cine de Carlos Velo representa unha destacada contribución ao desenvolvemento do documental nestes anos 30, un cine asentado nas bases do cinema educativo: a divulgación científica, o filme cultural sobre cidades e monumentos, o coñecemento das actividades agrícola e industrial ou a observación etnográfica”.

Xa rematada a etapa universitaria, Velo recibiu o encargo da Dirección General de Ganadería e Industrias Pecuarias para filmar unha película que divulgase entre os campesiños os novos métodos de explotación, cuxo título foi La ciudad y el campo . Máis adiante o director introdúcese na industria cinematográfica e a productora Cifesa vaille posibilitar a realización de varios documentarios que exhibirá como complemento ás longametraxes, os títulos serán Almadrabas , Felipe II y el Escorial, Campos de Castilla e Infinitos . A partires da opinión de historiadores Almadrabas é “un dos puntos de partida do documental en España xunto con Las Hurdes/Tierra sin pan ”, nela destaca a influenza de Flaherty e os seus Homes de Arán . En canto a Infinitos é unha película singular segundo os testemuños dos que tiveron a posibilidade de vela, xa que actualmente está perdida, ao parecer tratábase dun experimento formal “propio da vangarda e a práctica do cine científico”.

A súa despedida do cinema español foi Romancero Marroquí , película que nada ten que ver co resto do seu corpus fílmico, xa que foi totalmente manipulada e desnaturalizada polo bando franquista. Mención especial merece a magnífica Galicia , que se converteu por méritos propios nun dos referentes do cinema galego.

Estos son algúns dos datos máis salientabeis dos primeiros anos do que cecais sexa o cineasta máis influinte na nosa cinematografía e “o primeiro dos nosos cineastas cunha clara conciencia de concibir un cine galego”.

Valentín Barreiros