Ir á Portada imprimir volta atrás

CINEMA NO OURENSE DOS SETENTA

Ao longo da década dos setenta a sociedade galega, ao igual que a do resto do Estado, vivirá un clima de fortes cambios na súa realidade social, cultural e política. O aire de liberdade e optimismo que se vai a producir nesta etapa afectará a todos os sectores da sociedade, ente eles, por suposto, o do audiovisual.

En Ourense créase a principios da década “o Cineclube Padre Feijoo que terá unha incidencia fundamental no (re)nacemento do ‘cine galego’ pola organización en 1973 da I Semán de Cine en Ourense” onde José Luís López Cid escribe a famosa frase: “O cine galego é a conciencia da súa nada. Xa é algo”.

Estas Xornadas de Cine nas que destacan Luis Álvarez Pousa e Xosé Paz “como mestres de ceremonia” serán un foro onde se exhiban as curtametraxes de producción galega, que realizan nesta época xente coma ENRROBA, formado por Enrique Baixeras, Miguel Gato e posteriormente Antonio Simón, o Equipo Lupa, con Euloxio Ruibal e Roberto Vidal Bolaño á cabeza, Carlos Piñeiro e  Xavier Villaverde (membros do Grupo Imaxe), “o pai do cine galego” Díaz Noriega, Alberto Estévez, Carlos Asorey, Carlos Varela, o valenciano Lorenzo Soler e os ourensáns Emilio López Varela, Miguel Castelo e Eloy Lozano.

Películas coma Catro por catro, Mesturanza, Holocausto, A procesión das mortaxas, O corpiño (Equipo Lupa), A morte do mariscal, O documento, O cadaleito (Enrique Baixeras), Serán, Un pequeño incidente, Illa, A ponte da verea vella (Carlos Piñeiro), A tola, O Herdeiro (Miguel Gato), Os suevos (Díaz Noriega), Retorno a Tagen Ata (Eloy Lozano), Fendetestas (Antonio Simón), A romería da morte (Alberto Estévez), O pai de Migueliño (Miguel Castelo), A semente (Xavier Villaverde), Enterrade o meu corazón nas orelas do Sar (Emilio López Varela), Autopista, unha navallada á nosa terra (Lorenzo Soler), En contra da cuota empresarial (Carlos Varela), foron exhibidas no marco destas Xornadas, dende a súa primeira edición no ano 1973 ata a derradeira en 1978, esta última xa coa significativa denominación de VI Xornadas do Cine das nacionalidades e Rexións.

Tamén baixo a organización do Cineclube Padre Feijoo vanse celebrar nesta década a Mostra Cinematográfica de Arte i Ensaio, que posteriormente se pasaría a chamar Mostra Cinematográfica Festas de Ourense e as Mostras de Cine para nenos, asemade da regular publicación de diversos boletíns informativos así como programas ilustrados de cada Semana e Mostra.

Ademáis, organízanse Cursos de cine impartidos por J. M. Nunes, E. Díaz Noriega, E. Banete e J. A.Porto, Cursos de formación de monitores de Cineclubs contando coa presenza de Esteve Riambau e J.E. Monterde e en 1975 a I Semán do Cine Español, cunha táboa redonda encol do cine español formada por Antonio Ribas, J. L. López Vázquez, Miguel Monserrat, J. M. Lazcano e X. M. Folgar..

En Celanova o Cineclube Solpor, e no Carballiño o Cineclube Carballiño, centro clave no desenrolo posterior do cinema galego, organizarán dende o 1974 e 1975 respectivamente Semáns de Cine nas súas respectivas localidades, que se van a continuar celebrando máis alá da década dos setenta.

En canto á producción audiovisual ourensana compre salientar duas das curtametraxes clave no (re)nacemento do cinema galego, como son; O pai de Migueliño de Miguel Castelo, e Retorno a Tagen Ata de Eloy Lozano.

O pai de Migueliño, que está considerada como un clásico do noso cinema, relata a historia de Miguel, un xoven emigrante que inicia en tren a viaxe cara Europa, cando lle volta á memoria o recordo de como seu pai regresaba da emigración americana convertido nun home vencido e fracasado. O groso da historia baséase nunha Cousa de Castelao á que Miguel Castelo lle sabe dar o seu toque persoal. O filme reflexa adecuadamente a idiosincrasia da nosa terra e mostra dous dos grandes problemas da Galicia da época como son o “analfabetismo e a diglosia”.

Retorno a Tagen Ata de Eloy Lozano está baseada nunha novela de outro dos grandes escritores en lingua galega, Méndez Ferrín e goza da singularidade de ser “a primeira curtametraxe argumental feita en 35 mm e en galego”.

Por último, compre salientar a labor, en favor do establecemento no Estado de circuitos legais de arte e ensaio, feita por o distribuidor e exhibidor ourensán Ismael González “asociándose coa distribuidora barcelonesa Barcino Films para estrear películas relegadas nos circuitos convencionais”.

Valentín Barreiros