Ir á Portada imprimir volta atrás

A escola documentalista ourensana

Tres dos realizadores nos que se asentan os pilares do cinema galego: Antonio Román, Carlos Velo e José Suárez, inician a súa actividade cinematográfica durante a etapa da Segunda República.

O feito de que estes tres directores fosen ourensáns, comezaran as súas respectívas carreiras rodando películas do xénero documental, e que as súas influenzas cinematográficas beberan dos ambientes cineclubistas da época, onde descobriron as vangardas alemanas e soviéticas, o documentalismo realista británico e sobre todo ao grande mestre Robert J. Flaherty, fixo que nalgún momento se falase da existencia dunha Escola Documentalista Ourensana.

Pero a realidade é que estes tres cineastas nunca chegaron a formar un grupo homoxéneo, nin tiveron unhas relacións persoais excesivamente estreitas, ademáis de describir unha traxectoria tanto vital como profesional moi distinta entre eles, xa que mentres Román se consolidaba coma un dos máis importantes directores do réxime franquista con produccións como Los últimos de Filipinas, Intriga ou La casa de la lluvia, Velo e Suárez tiñan que emigrar para México e Arxentina respectivamente onde continuaron as súas carreiras; o primeiro traballando activamente no cinema mexicano na realización das coñecidas longametraxes Torero e Pedro Páramo, esta última adaptando ao cine a novela de Juan Rulfo, ademáis de dirixir o departamento de Imaxe no Consello Nacional de Ciencia e Tecnología de México; e o segundo adicándose, en maior medida, á súa verdadeira paixón: a fotografía.

Destes tres grandes cineastas ourensáns, cecais o máis descoñecido na actualidade sexa José Suárez, malia ser un  magnífico fotógrafo, cuxos retratos documentalistas realizados a principios dos anos trinta, sobre os traballos e as labores no mundo rural galego, puideron influir en grande medida nos documentarios de Velo e Román.

Suárez nado en Allariz a comezos de século, estudou dereito en Salamanca onde o mesmo Unamuno eloxiou a súa labor fotográfica. Máis tarde a inicios dos anos trinta o seu interese polo cinema, sobre todo documental, faise maior ata que en 1936 comeza a realización do seu prestixioso documentario Mariñeiros, onde pon en imaxes a vida e o traballo dos homes do mar na Galicia, nunha película moi influenciada, segundo comenta Luis Seoane, por O home de Arán de Robert J. Flaherty, chea de “beleza, de humanidade, de fantasía, de humor e tamén de história”, así como tamén polos “documentarios británicos realizados por Basil Wright e John Girieserson, en especial pola película Drifters, de este último, que era un documentario de pesca no Mar do Norte”.

Compre engadir que Mariñeiros formaba parte dun proxecto de documentarios, que Suárez ía realizar para a productora Cifesa, onde se concebía como un repaso polos oficios máis tradicionais e populares de Galicia, onde os restantes contidos tratarían sobre Canteiros, Feirantes e Oleiros.

Na actualidade esta imprescindibel película, Mariñeiros,  tense por perdida, e a pesar da incansable busca que ten feito o historiador e investigador cinematográfico Manolo González, recuperador de unha grande cantidade de material audiovisual galego, por toda América do Sur, situándo coma posible paradeiro da mesma a un coleccionista privado norteamericano. En verbas do propio Manolo González: “Mariñeiros é o Grial da nosa cinematografía”.

En resumo, os traballos documentais destes cineastas, concretamente Galicia (Carlos Velo) e Mariñeiros (José Suárez), ao que se podería engadir O carro e o home (Antonio Román) indican, como sinala Luis Seoane, o punto de partida cara o que puido ter sido o cine galego de non ter mediado o funesto golpe de estado de 1936, que provocou unha paralización da nosa cinematografía que durou ao redor de corenta anos.

Valentín Barreiros