As Letras Galegas do 2004 dedícase
ao etnógrafo ourensán Xaquín Lorenzo “Xocas”, un dos máis salientables
investigadores da cultura popular galega.
Xocas, ademais da súa coñecida obra,
composta por diversas publicacións nas que aparecen tódos os seus
estudios sobre o universo tradicional galego, tivo tamén unha
vinculación, aínda que de maneira esporádica, co cinema, motivada
sobre todo pola súa amizade con dous dos máis importantes realizadores
que deu o audiovisual galego; Carlos Velo e Antonio Román, nas
curtametraxes documentais; Galicia e El hombre
y el carro, ademáis da aportación que realizou na recuperación
levada a cabo por Eloy Lozano de esta última nos anos 80.
O primeiro contacto de Xocas co cinema
prodúcese no grupo formado por Carlos Velo, Antonio Román e Augusto
Pacheco, entre outros, onde facían proxeccións de películas de
Perla White, moi populares en aquela época, que despois trataban
de imitar cunha pequena cámara de 9 mm, sendo alí onde os futuros
directores descobriron os primeiros trucos cinematográficos, Carlos
Velo definine esta etapa como a “etapa Méliès”. Ao parecer,
nunha daquelas peliculitas de afeccionados, titulada; Las
aventuras de Pokronski, Xaquín Lorenzo foi o protagonista.
Anos máis tarde, Xocas colaborou con
Carlos Velo na producción de Galicia (1936), aportando
os seus coñecementos etnográficos, mediando para que Castelao
debuxase os cartóns cos títulos da película, e incluso participando
na súa sonorización para conseguir o son dun carro que non sabían
como facer e Xocas logrou “pasando moi a modiño o arco do violín
sobré dúas cordas”. Xa no plano extracinematográfico, Xocas refuxiou
a Velo ó inicio da Guerra Civil na súa casa de Lobeira, cando
éste estaba perseguido polos falangistas debido ao seu declarado
apoio á causa republicana.
Pero a definitiva relación de Xocas
co cinema será na realización do documentario, El hombre
y el carro (1940) de Antonio Román, película de apenas
11 minutos, na que se fai un paralelismo entre a biografía do
carro e a do home, dende o seu nacemento ata o seu fin. A idea
xurdiu dunha proposta de Xocas a Román para facer unha serie de
películas sobre o agro, que non consistisen nas típicas postais
turísticas, senón que tivesen un grande valor etnográfico e divulgativo
da nosa cultura. A partires dese momento, comenzan a traballar
na realización do filme no que contaron coa inestimable participación
dos veciños de Lobeira, que realizaron os seus labores diante
das cámaras.
O documentario amosa o proceso de
creación do carro, partindo da elección do carballo co que se
vai fabricar, pasando polos traballos do carpinteiro e do ferreiro
na súa preparación, así como o duro labor como aparello de traballo
que desenvolve ao longo da súa existencia ao lado do campesiño,
ata que finalmente, unha vez que o eixo queda inservible e o
carro remata a súa vida, o seu dono cólgao nunha parede do patio
como homenaxe ao seu fiel compañeiro.
Na realización atópanse diversas influencias,
quizais a máis evidente é a do mestre do documental Robert J.
Flaherty, sobre todo, no desexo de reflectir con liberdade o traballo
do home no seu hábitat natural, e o contacto de este coa natureza,
así como o uso de actores naturais e a dignificación do seu medio
de vida, tamén se atopan referencias dos mestres soviéticos, na
composición dos encadres e na utilización de planos oblicuos e
contrapicados, asi como das vangardas alemanas, en secuencias
como a final na que se amosa un fermosísimo contraluz cos carros
no horizonte.
Cómpre salientar, que a copia que
actualmente coñecemos, titulada O Carro e o home,
é unha reedición feita polo director ourensán Eloy Lozano, a partires
dun material que conservaba Xaquín Lorenzo no Museo de Ourense.
Lozano en colaboración co Museo do Pobo Galego recuperou o documentario,
respectando a súa montaxe original e sonorizándoa cun fondo musical
e coa acertada incorporación dun fermoso texto escrito e lido
por un xa velliño Xaquín Lourenzo, que engade un maior sentimento,
se cabe, a esta irrepretible obra.
Por último, destacar o magnífico libro
que o historiador Pepe Coira publicou este ano, na Colección
Mandaio, de Biblos clube de lectores, co título No verán
de 1940, crónica da película “o carro e o home”,
onde conta polo miúdo, dunha forma amena e divertida, todos os
avatares que rodearon esta magnífica película.
Valentín Barreiros