O pai de Migueliño
Considerada
como un clásico do noso cinema, O pai de Migueliño
é unha curtametraxe realizada por Miguel Castelo e producida
por Victor Ruppén entre os anos 1976 e 1977. Relata a historia
de Miguel, un xoven emigrante que inicia en tren a viaxe cara
Europa, cando de súpeto lle volta á memoria o recordo
de como seu pai regresaba da emigración americana convertido
nun home vencido e fracasado.
O groso da historia e un longo flash-back, encaixado perfectamente
entre os travellings de inicio e do penúltimo plano, que
nos amosa o recordo do mozo, onde Miguel Castelo toma o argumento
de unha Cousa de Castelao á que lle vai a dar o seu toque
persoal.
O filme, con un carácter mítico e evocador, reflicte
adecuadamente a persoalidade e idiosincrasia do mundo rural galego,
amosando depaso algúns dos grandes problemas da Galicia
da época como son a emigración, o analfabetismo
e a diglosia.
Desta primeiriza realización podemos comentar que está
chea de boas intencións, pero non acada un resultado de
todo satisfactorio debido en parte a unha planificación
as veces un pouco descoidada e a unha falla de medios evidente,
que o propio Castelo recoñece con estas verbas: "non
estou satisfeito dos resultados obtidos; a nefasta labor de producción
e a miña inexperiencia foron as causas".
Así a todo O pai de Migueliño é unha peza
moi importante da nosa filmografía e deixa imaxes para
a memoria, coma Migueliño pechando os ollos tentando manter
no recordo a imaxe de seu pai mentres a súa mai se prepara,
nesta secuencia está moi logrado o tempo narrativo que
nos presenta dúas accións simultáneas onde
destaca especialmente o plano que abre dende un plano detalle
do aparador da sá e cun adecuado travelling mostra a Migueliño
que está xogando na mesma ata levarnos a habitación
donde a mai se peitea. Tamén e especialmente salientable
a secuencia do peirao onde neno e mai agardan impacientes a chegada
do pai, especialmente interesante é o magnífico
uso da planificación, montaxe e posta en escea, acadando
unha intensidade e emoción que reflícte adecuadamente
o sentemento de desexo e posterior desengano do rapaz.
Mención aparte merece o desalentador plano final que presenta
o tren marchando da estación con Miguel xa de mozo camiño
da emigración, onde se reflícte a crúa realidade
de unha Galicia que envía a xente máis nova para
traballar no exterior, voltando posteriormente a vivir a vellez
na súa terra.
Por último, sinalar que xente como Castelo e Ruppén
ademáis de Antonio Simón, Cabanas Cao, Miguel Gato
e un longo etcétera que formaron parte desta película,
lles debemos todo o respeto, admiración e agradecemento
por a súa grande aportación ao (re)nacer do noso
cinema.
Valentín Barreiros