Ir á Portada imprimir volta atrás

Salas de exhibición en Ourense

O Cine Duplex de Ourense aberto en 1986.Dende a chegada do cinema á nosa cidade esta contou con diferentes salas de exhibición cinematográfica, convivindo durante as primeiras décadas do século XX os antigos pavillóns e barracas co nacemento dos primeiros recintos fixos.

Aínda que non se pode establecer unha data concreta da aparición de cines permanentes, os Teatros serán considerados como os primeiros locais de cinema ata a chegada de salas especializadas. En Ourense cidade durante a etapa do cine mudo aparecen os Teatros Principal (1916) na Rúa da Paz e o Losada (1928) na Rúa do Paseo, onde se van a combinar a exhibición cinematográfica con outros espectáculos artísticos.

Xa no período sonoro, ao longo da década dos corenta, o cinema collerá unha importante sona como arte e entretemento o que o vai converter nun espectáculo moi popular cunha afluencia masiva de público. Esta é a etapa dos grandes Estudios e as custosas produccións Hoollywoodienses con populares estrelas, magníficos decorados, coidado vestiario e exquisita fotografía, por este motivo van abrir un bo número de locais especializados na exhibición cinematográfica, que se caracterizarán por ter unha única sala de grande tamaño e gran número de localidades, así como enormes pantaias para disfrutar de toda a grandiosidade destas produccións, deste xeito atopamos ao Coliseo Xesteira (1941) na Rúa Capitán Eloy, o Cine Mary (1946) na Rúa Cardenal Quiroga, o Cine Avenida (1948) na Rúa Curros Enríquez, e o Cine Yago (1949) na Rúa das Caldas no barrio da Ponte, este último especializado en películas de reestrea ao igual que o Teatro Principal.

Tamén sinalar que ademáis dos anteriores existiron outros espazos onde se fixeron proxeccións cinematográficas entre os que destacan o Liceo Recreo, o Colexio Salesianos e Nuestra Señora de Fátima, así como un cine ao ar libre na Rúa Concejo, o popular Airiños.

A partir da segunda metade da década dos 60 popularízase un novo medio de comunicación que co tempo se converterá no máis destacado; a televisión. Esto vai ter unha importancia vital para a historia do cinema xa que moitas produccións serán adaptadas para ser vistas tamén a través dunhas pantaias infinitamente máis reducidas.

Por eso na cidade de Ourense a finais dos 70 aparecen os chamados multicines, caracterizándose por ter varias salas de exhibición dun tamaño moito máis reducido que as dos antigos cines, con varias películas de estrea, e cunha cantidade menor de localidades, pois teñen que competir coa aparición do sistema de vídeo, que permite ver películas na propia casa. O primeiro multicine en abrir foi no ano 1979 o Pequeno Cine na Rúa de Reza, aparecendo durante os 80 o Novocine (1981) na Rúa Florentino Cuevillas, Duplex (1986) na Rúa Saenz Díez e o Cine Estudio na Rúa Cabeza de Manzaneda no barrio de San Francisco. Tamén nesta década vanse empezar a estrear filmes de producción independente, o famoso cinema de arte e ensaio caracterizado por tratar temas de compromiso social e político ademais de posuir unha realización moito máis orixinal e arriscada. Na nosa cidade este tipo de cinema, polo xeral moi vinculado ao movemento cineclubista, acostumábase a exhibir en espazos como o Colexio Salesianos, A casa do chocolate ou a Biblioteca provincia.

A última sala en aparecer en Ourense foi a principios deste século o Cinebox, no Centro Comercial Ponte Vella na Rúa Ribeira Sacra, uns multicines moito máis modernos e equipados coa última tecnoloxía. Tamén compre salientar que a apertura do Auditorio Municipal, na Rúa da Canle, a mediados da actual década ofrece un espazo máis para a exhibición cinematográfica.

Valentín Barreiros