Concurso do Cartel Anunciador da Carreira Popular do San Martiño 2010

A Concellería de Deportes do Excmo. Concello de Ourense, convoca un concurso para a confección do cartel anunciador da Carreira Pedestre Popular do San Martiño de acordo coas seguintes:

BASES
* TEMÁTICA:
O tema será de libre elección dentro dos motivos característicos do que se pretende anunciar: ''34 CARREIRA PEDESTRE POPULAR DO SAN MARTIÑO 2010''
* PARTICIPANTES: Poderán concorrer persoas de calquera nacionalidade, podendo presentar cada unha delas un máximo de tres obras.
* RECEPCIÓN DAS OBRAS:
O prazo límite a tódolos efectos de presentación rematará o día 16 de xullo de 2010 ás 14:00h nas oficinas do Consello Municipal de Deportes (C/Pardo de Cela núm.2, Ourense)
* DEVOLUCIÓN DAS OBRAS: De toda obra recibida entregarase un recibo que servirá para poder retirala en caso de non ser premiada.
O prazo para a devolución será de 2 meses a partir do día seguinte ó fallo do xurado, previa presentación dos correspondentes recibos.
Transcorrido o prazo fixado as obras que non foran retiradas serán propiedade do CMD.
Os trámites e gastos que se xeren para a devolución das obras que non resulten premiadas correrán por conta do remitente
* DIMENSIÓNS E CARACTERÍSTICAS DAS OBRAS:
As obras presentadas non excederán de 1m x 1m nin medirán menos de 50cm x 40cm, podendo adoptar calquera forma dentro desas medidas. A execución será a base de seis tintas como máximo nas súas correspondentes gamas. As obras virán montadas nalgún tipo de soporte ríxido que evite o seu deterioro no posible transporte.
O Consello Municipal de Deportes non se fai responsable dos posibles deterioros que as obras poidan sufrir nos transportes tanto para a recepción como para a devolución delas.
* PRESENTACIÓN: Os traballos presentaranse sen firma e o autor deberá achegar nun sobre cerrado os datos de identificación, enderezo e teléfono. Só se abrirá o sobre da obra que resulte premiada.
* PREMIO: Establécese un único premio de 600 € que se poderá declarar deserto se o Xurado o considera oportuno. O premio terá os descontos que marca a Lei.
* PROPIEDADE DAS OBRAS: O cartel premiado deberá presentarse en formato electrónico para a súa mellor reprodución e pasará a ser propiedade municipal con tódolos dereitos de libre reprodución e difusión.
* O XURADO: O xurado reunirase o día 21 de xullo de 2010 e emitirá o seu fallo, que será inapelable. Estará formado polos titulares da
- Presidencia do CMD (como presidente do xurado)
- Xerencia do CMD (como vogal)
- Coordinación de deportes do CMD (como vogal)
- Administración do CMD (como vogal)
- Secretario do CMD (como secretario do xurado)
Ou persoas nas que deleguen.
* ACEPTACIÓN DAS BASES:
Os participantes, polo feito de concursar, aceptan tódolos puntos contidos nestas bases e as decisións do xurado, sen dereito a reclamación.
Ir á Portada volta atrás imprimir