| A CEGUEIRA AMBIVALENTE
Estimados lectores, os avances tecnolóxicos permítenme o uso e emprego dos medios cibernéticos para pórme en contacto con vostedes. Chámome Petro Saramago, e non son parente do insigne escritor portugués, aínda que confeso que son seu máis fiel devoto seguidor grazas á miña fiel parella, que me le seus escritos a media voz e a cotío, e me facilita escoitar súas conferencias e disertacións.
Teño un problema físico que estimei unha virtude ate hai pouco; levo na vida case cincuenta veráns cos ollos do revés. Explícome: nacín cos ollos cara dentro da caveira, detrás dunhas pálpebras inútiles que selaron sos de puro inútil. Teño, polo tanto, unha cegueira de dúas valencias das que levaba a meirande parte do meu tempo vital coñecendo só unha delas. Medrei “mirando” sempre cara o interior da miña propia cabeza; o que supuxo de primeira man todas esas virtudes que vostedes poidan imaxinar: autocrítica, auto compaixón, auto comprensión, autonomía espiritual, e, en definitiva, todos os verbos que expresan virtudes, prefixados polo morfema “auto-”. Coñecínme antes de nada a min mesmo e iso deume pulo para afrontar con bo pe a socialización.
Pero co tempiño, coa esnaquizada copia da eternidade suspendida nas nosas accións, cheguei a descubrir a outra valencia, a soterrada, a subrepticia, a case ignota; a menos positiva e desexable: non son quen de ver o día, o sol, os paxaros, o firmamento, que describen os libros que me teñen referido. Descoñezo a virtude estética, non podo ter referencias visuais, non son quen de vivir cara fóra. Por esa sensata, sinxela e evidente razón que tardei tanto en topar. A vida interior non o é todo; nin moito menos a exterior, vaites. Compendiar ambos mundos nunha proporción maior do mundo interior é o “segredo” para facerse seres humanos. Non existe ren. Non.
Outra cousa é que, como humanos que somos, non nos interese ser seres humanos. Pois que mágoa. Unha verdadeira mágoa interior e exterior.
O cego de dúas valencias
A CEGUEIRA AMBIVALENTE
cretine4@hotmail.com
visiten tamén:
http://openultimochanzo.blogspot.com
http://apapeleiradereciclaxe.blogspot.com |