| A LOITA NON PERDIDA
Ola sulcadores dos espazos ciberes. Con esta entrada case radiofónica gustaría de falarlles do prodixio da humana mente, e quizais do pouco valorada que esta está.
Chámome Xe, e son un mestre de Educación Primaria. Teño unha titoría de cuarto curso e o outro día, como parte das actividades programadas para o desenvolvemento dos rapaces e as rapazas leveinos a unha actividade extraescolar; concretamente ao teatro a ver unha representación pensada para nenos e nenas de primaria. Levei o meu —se se me consinte— rabañiño de mentes en evolución e alí había outros mestres e mestras con outros grupos de rapaces e rapazas. Entre os mestres para a miña sorpresa inzábase avellentado o meu mestre de cuarto de primaria (entón cuarto de EXB). Non cambiara moito, salvo que unha manchea de anos se botaran riba del. Pero foi igual; daba igual ter diante a un home de sesenta, setenta ou os anos que fosen, pois a mente miña só tiña para el os olliños dun neno de nove anos. Véuseme enriba unha batería de lembranzas que descoñecía ter almacenada nos miolos: o festival de Nadal do 1984, a expresión plástica e os plastidecor, a plastilina nas miñas mans e coas súas palabras boas sempre boas, as láminas coloreadas, as ciencias sociais, os recados, as leccións de humanidade...
Iso estaba almacenado en min facendo un pouso inconsciente na miña conduta pretérita e presente e o poder evocador devolveumo ao momento dándome a entender que as loitas docentes nunca son perdidas. Ou si? Que lles parece?
|