A NOVA ORDE

Chámome Aureliano e son un home corrente que, dende que leu a novela “A Caverna” de Xosé Saramago, se dedica a moldear e cocer pezas de barro de xeito artesanal e tentar vendelas nas feiras dos pobos da provincia da Auria. Dedico o meu espírito en exclusividade a estes dous mesteres.

Ah, desculpen, que non lles referín o segundo mester que me tira o sono. Aparte da olería, o meu segundo quefacer é converterme en buscador dos tres pes aos gatos das tranquilas e mansas causas que veñen dadas. A buscar a porta secreta que conduce ao orden novo. Buscar, quizabes, a chave do coñecemento; o salvoconduto ao librepensamento, desafiando en todo intre á lóxica máis lóxica.

Todo comezou coa fabricación da miña primeira peza; un xerro bastante bonito, a pesar de ser o primeiro; paradigma da orde molecular do barro. Daba gloria ver como as moléculas de arxila se ordenaban baixo o mando das miñas mans agarimosas para formar, en perfecta orde, aquela peza.

Estaba convencido de que aquela manifestación artesanal supuña unha sorte de orde suprema. Ata que, coa emoción do momento creador, e tras metela no forno, esvaroume das mans e rompeu en moreas de anacos de simple arxila seca que se esparexeu por todo o taller. O xerro enteiro representaba a orde. O xerro fragmentado representaba a desorde? pois non, dende aquel día e gracias (non poño grazas) á miña segunda ocupación, aqueles anacos representaron un orden novo.

Xa non son desordenado como ao comezo, agora tan só imprimo un orden novo nas cousas que fago. Que si.

A NOVA ORDE
© 2007 Jorge E. Bóveda
cretine4@hotmail.com

Pasa a criticar/comentar el texto en el foro "El fotomatón":
http://boards.melodysoft.com/FOTOMATON/

Ir á Portada volta atrás imprimir Volver ó menú de Relatos e Disertacións