ANTES AGORA AQUÍ ACOLÁ

Meu nome é Peter, de pai estranxeiro e nai que me pariu, e ás veces penso cousas. O outro día, en animosa interna conversa comigo mesmo —téñoas a cotío aínda co risco de ser chamado tolo—, cheguei á conclusión de que o progreso; a abstrusa palabra coas súas consecuencias, sofre dunha arritmia pertinaz. A evolución económica e social difire de xeito importante da evolución cronolóxica. E cheguei a tan obvia pero lapidaria conclusión ao imaxinar a miña aldea de orixe e as aldeas veciñas no apoxeo de conxuntos de música popular coma os Beatles, os Rolling Stones ou o mesmísimo Elvis. Non é fácil imaxinar que mentres nuns sitios movíanse as guedellas con Led Zeppelin en España os nosos ascendentes bailaban a yenka. No momento no que miña avoa daba quince máquinas de sulfato (das pesadísimas de cobre) e volvía cansa ao solpor un home apelidado Armstrong andaba a pisar a lúa, ou no intre no que meu avó ía a cabalo de Ourense a Pontevedra a guerra fría entre os rusos e os americanos collía matices de tenso arreguizamento.

Agora o lector espelido entra en escena pensando ao respecto «será reaccionario o choromicas este. Tolo que fala só polos recunchos...» e logo di con voz atiplada:

—Iso era antes, home, hoxe en día as cousas cambiaron para ben.

—Xa —respondo—, este texto foille enviado ao Bóveda mediante un dispositivo de transferencia de datos que funciona encol dun sistema que se chama Internet; o mesmo sistema que o Bóveda empregou para reenviar estas liñas ao mundourense . Coñeces o Internet??

—Home vai! —algo ofendido— está á orde do día. O Internet éo todo. O mellor e o peor.

—Pois agora vas viaxar a África, trazas unha ruta dende as aldeas de Marrocos até o límite con Sudáfrica e vas ir facendo enquisas sobre as opinións que os oriúndos vertan sobre a rede de redes. Logo teletranspórtaste a Sumatra, por exemplo, e propós aos pescadores que gañarían máis vendendo o seu peixe a través de Internet..., logo a Romanía, a Haití...

Peter O' Tolo


ANTES AGORA AQUÍ ACOLÁ
© 2007 Jorge E. Bóveda
cretine4@hotmail.com

Pasa a criticar/comentar el texto en el foro "El fotomatón":
http://boards.melodysoft.com/FOTOMATON/

Ir á Portada volta atrás imprimir Volver ó menú de Relatos e Disertacións