A NULA TRAMA

Son un personaxe novelesco que ten a sorte de poder vivir en varias dimensións. Explícome. Son quen de estar en varias realidades ao mesmo tempo, digamos que cada realidade é como un grande pano teatral, unha grande cortina, e que están colocadas unhas por diante das outras. Ben, pois como se da o caso de que non son cortinas novas, a tea está algo esgazada, e por esas fendas eu podo moverme entre unha realidade e outra. Para que lles conto o meu secreto? pois para asegurarlles o pouco importantes que son as tramas en “materia” de literatura.

Como un personaxe literario que son non teño as necesidades fisiolóxicas que poida ter vostede; non preciso comida, durmida, bebida nin sexo, a non ser que o escritor que me dea vida teña que xustificalo para dotar morbo na súa obra. Cousa que non ocorre case nunca. Que ordinario! O caso é que o pano teatral máis próximo a vostede, o primeiro que eu vexo e ao que tamén podo acceder, é ao que se lle chama realidade. E convirán comigo no pouco emocionante que soe ser esta realidade; no lineal que soe ser a “trama” que se lle dedica; basicamente: nacemento, crecemento, máis ou menos socialización, emparellamento, fillos, xubilación e morte. Obvio e previsible. Por iso me sinto tan oufano de ter topado a miña verdadeira ocupación.

Como non me escravizan as necesidades que lles dixen hai unhas liñas tampouco teño responsabilidades, polo que podo pasar o seu segmento temporal simultaneando lecturas; cinco, dez, quince, vinte lecturas á vez. Ás veces algún habitante do plano Realidade preguntábame cómo era posible non mesturar as tramas duns libros nos outros, non facer unha macedonia de personaxes, contextos e situacións. E sempre souben responder dun xeito rápido e sinxelo: os “n” libros que se abordan simultaneamente non teñen trama, non pecan do obvio da literatura de mercado do plano Realidade. Son libros que “contan”. E como contan e contan, conseguen facer no meu intelecto un importante pouso que me da o abondo pulo para poder vivir sen necesidades nin obrigas. Atopei nas páxinas introspectivas e nula trama unha deriva desexable onde o que prima é unha esencia inefable que fica a vivir en min e comigo. Unha esencia substitutiva de todo. Aínda co risco de achar a animadversión de máis de un no primeiro pano da existencia, a trama non importa. Non. Só e cousa do grande teatro de tolos.

Adrián Solovio

A NULA TRAMA
© 2007 Jorge E. Bóveda
cretine4@hotmail.com

Pasa a criticar/comentar el texto en el foro "El fotomatón":
http://boards.melodysoft.com/FOTOMATON/

Ir á Portada volta atrás imprimir Volver ó menú de Relatos e Disertacións