| AO OUTRO DÍA NO XARDÍN DE INFANCIA
Nota preliminar: no mundo en xeral e no noso xardín de infancia en particular existen honrosas excepcións a canto se menciona no texto que van ler. Se soe sentir desexos difíciles de parar polo que fan ou teñen os demais prégaselle que non siga a ler, por favor.
Ola pacientes lectores desta sección. Son outro habitante do xardín de infancia. Un que observa cómo o humano humano sempre aspira ao que non ten. Sempre ferve coas ansias de acadar o que acadou o veciño, pero son raros os casos nos que a persoa loite por esa posición ou designio. Por qué? pois supoño que porque, inconscientemente, a persoa sabe que no caso de conseguir o que ten o veciño deseguida amosaría un degoro esaxerado por posuír o que ten outro veciño. O caso é envexar. Descreo dos que defenden a existencia da envexa sa; iso non existe, é unha contradición; un oxímoro: envexa sa? a xente sa, os nenos e nenas creativos do xardín de infancia, non coñecen a envexa.
Casuística imparable, coma sempre. O san busca a enfermidade para chamar a atención das outras persoas, do enfermo non dicimos nada, é respectable. O que come carne envexa ao que come peixe, o que ten unha parella alta e forte devece pola parella baixiña e delgada do veciño. O que merca o obxecto grande sempre se pregunta por qué non mercou o obxecto pequeno, como fixo a señora que vive na porta do lado. O que vive no primeiro A pregúntase por qué non alugaría o primeiro B, ou o C, D, E ou F.
Causas? sobre abundancia quizais. Vai ser certo o dito de que o que de todo ten de todo quere. Infra abundancia tamén. O que envexa a intelixencia da veciña tena clara. Equilibrio? Sí, iso é o desexable, convertámonos en funambulistas equilibrados, por favor. Sexamos os nenos e nenas creativos e equilibrados do xardín de infancia para que deixe de ser un noxento xardín de infamia. Que si.
Unha nena creativa do xardín de infancia
|