ASOCIACIÓNS

Atención: o texto que vai
afrontar pode ser dunha
relatividade estarrecedora.

Voz, probando, si. Dous, un, milleiros, infindos infinitos. Óeseme? parece que si. Comezo:

De curiosidade suma é o feito de que en distintos ámbitos —sexa cine, literatura ou o que sexa ou poida ser— non se soen recoñecer os sons das voces propias, recorrendo sempre ao asociacionismo máis rápido e obvio. Coma se non houbese máis puntos de referencia que as limitadas vivencias da persoa que xulga. «Neste conto de Mengano de Cal vése a Xabier Marías e a Bioy Casares», así, como se tal cousa, cando en realidade o fámulo escribidor nunca se lle deu por ler a ningún destes dous interfectos. Ou recoñecer en O Herexe de Miguel Delibes a “novela histórica” contemporánea bestselleriana comandada por Noah Gordon, por exemplificar un pouquichiño.

A que se debe este instinto á asociación rápida e a meirande parte das veces errónea?? poderíanse subtraer respostas varias e relativas: a ignorancia, a falta de coñecementos, de vivencias, de lecturas, de razoamentos, de sentido crítico, de criterio ético ou moral ou ético e moral, a nugalla, o camiño doado, o ataque do ominoso monstro da envexa, o descoñecemento, a ousadía, o efecto “ Maestro Ciruela que no sabía leer y puso escuela ”, o síndrome de “Seino” ou a pandemia de “Vouche ensinar literatura”.

Pero subtraéndonos agora nós tras facer unha análise de lei das propostas que se nos propoñan —por exemplo literarias— que non consistiu máis ca pasar os textos pola pía do sentido común podemos afirmar que Lorenzo Silva non é Dashiel Hammet, que John Grissam non é Roald Dahl ou que Vicente Risco non é Otero Pedrayo. Por exemplificar outro pouco. Non.

Post Data: a asociación pode ser buscada deliberadamente. Pero ese caso quedará para outra perspectiva. Por agora comecemos por fuxir desas asociacións buscadas do tipo Arturo Pérez Reverte non é Alexandre Dumas pero quéreo ser.

Abraiado ante o micro

ASOCIACIÓNS
Cretine4@hotmail.com
VISITEN TAMÉN:
http://openultimochanzo.blogspot.com
http://apapeleiradereciclaxe.blogspot.com

Ir á Portada volta atrás imprimir Volver ó menú de Relatos e Disertacións