A VIDA DO LIBRO

Onte día do libro, conmemoración do nacemento do libro e non cabo de ano da súa defunción, penso nos centos de milleiros de millares de volumes que poboan andeis de outras tantas estancias do pasado, do presente e do “sempre”; libros que son vidas que berran silentes necesidades de transcendencia, estampados en sucesivas paradas da liña do tempo. Paradas que chaman á idea de Borges que defendía que a morte é case exclusividade dos habitantes do pasado, perdendo a noción de que o presente se transforma en pasado cortando outra vez a corda que reprime o resorte do dispositivo do retorno eterno; da volta ás mesmas cousas mesmas humanas.

Libros, que nos acougan antes da chegada dunha apocalipse impuntual que difaman os “periodistas” amarelos que nunca foron quen de consagrarse na información de lei. Libros por riba do mal e do ben , libros poeirentos testemuño das mañas dos supremos facedores. Libros que abren inconmensurables abanos de dimensións, e dentro de cada unha desas dimensións outros abanos de perspectivas. Libros que envorcan encol da nosa expectativa a utopía dunha existencia de humanos ben levados, conciliados e absolutamente coordinados. Libros que inxectan as necesidades de crer. De crer en vostedes, de crer en min, de crer os uns nos outros e, unha vez acadado isto, inxectan a necesidade metafísica de crer; de crer de xeito metafísico. Libros.

Libros todos e sempre ao abeiro dunha petición: un día do libro? non, mellor unha vida do libro. O libro na vida e para a vida. A vida do libro.

*Este inxenuo que subscribe defende que non existe o mal. Existe unha combinación errónea de hábitos que derivan en condutas non aceptadas socialmente. E que o ben, a esencia humana e o crecemento interior provén, entre outros factores familiares e sociais, do resultado das lecturas encadeadas, frenéticas, imparables e ate perder o coñecemento. Ser persoa pode consistir en ler até perder o coñecemento.

O INXENUO E INCANSABLE CELEBRADOR
DE TRESCENTOS SESENTA E CINCO DÍAS DO LIBRO ANUAIS
A VIDA DO LIBRO
cretine4@hotmail.com
visiten tamén:
http://openultimochanzo.blogspot.com
http://apapeleiradereciclaxe.blogspot.com

Ir á Portada volta atrás imprimir Volver ó menú de Relatos e Disertacións