BOVARISMO

Nestes días cando comeza un abril máis, e coa inminente publicación da novela de Xosé Carlos Caneiro “A nova vida de Madame Bovary” volvín a Flaubert e á súa maxistral “Madame Bovary”, novela controvertida publicada no 1857 á que algúns entendidos colgan a etiqueta de “Precursora do realismo”. A obra, que viviu ignota uns seis anos dende á súa concepción á súa difusión pública, causou a polémica en Francia por atentar contra a suposta moral que na época se supuña que tiña que primar na humanidade por riba de outras morais.

Hoxe, suposto ano 2008 da suposta era moderna, a relectura levoume a un psiquiatra escritor chamado Carlos Castilla del Pino e a unha cita que percute unha marimba case máxica no interior da miña cabeza de personaxe literario da realidade: «Os personaxes novelescos constitúen o mellor vehículo para coñecer ás persoas; eles se abren moito máis intensamente que calquera individuo que tratamos a diario.» e ocorre este feito porque vexo todos os días e a todas horas Madames Bovarys ao meu redor. Non, non pensen que len o manuscrito dun esquizoide. Explícome: Madame Bovary presenta constantemente un estado de perenne insatisfacción. Supón esa clase de persoas que non se conforman con nada, ou que se frustran constantemente ante calquera movemento do sino. Forma parte dese grupo de persoas que lles parece mal que fagas e tamén lles parece mal que non fagas; que deixes a porta aberta porque entra o frío e que a deixes pechada porque vai facer moita calor. Pero teñamos en conta que Madame Bovary ten ao seu favor o romanticismo ensoñador literario proporcionado polos centos de libros que leu, cousa que, lamentablemente, non lles ocorre aos Bovarys do século XXI, que senten fastío porque senten fastío, porque se lles deu todo, porque non teñen ilusión por nada ou porque foron criados nun inesgotable pozo de frustración. Pensémolo. Miremos en derredor a ver cantos Bovarys poderíamos contabilizar.

Fixémonos até que punto é importante o tándem formado por Gustave Flaubert e por Carlos Castilla del pino que o bovarismo forma parte dos dicionarios de psicoloxía ao estar catalogado como unha certa doenza mental. Na wikipedia de internet podemos ler o seguinte:

Enténdese por bovarismo o estado de insatisfacción crónica dunha persoa, producido polo contraste entre as súas ilusións e aspiracións (a miúdo desproporcionadas respecto das súas propias posibilidades) e a realidade, que adoita frustralas. O termo procede da novela Madame Bovary de Gustave Flaubert, en concreto da figura da súa protagonista, Emma Bovary, que se converteu no prototipo da insatisfacción conxugal. Aínda que o termo bovarismo non está recollido no Dicionario da Real Academia Española ten un uso relativamente frecuente e figura en dicionarios de Psicoloxía.

Frustrémonos con motivo, perdamos o apelido Bovary, PERO CONSERVEMOS A ESENCIA LITERARIA ROMÁNTICA. Ou non? Fainos falta cohabitar con Bovarys?

Un personaxe literario do plano da realidade

BOVARISMO
cretine4@hotmail.com
visiten tamén:
http://openultimochanzo.blogspot.com
http://apapeleiradereciclaxe.blogspot.com

Ir á Portada volta atrás imprimir Volver ó menú de Relatos e Disertacións