CABEZA DE TURCO

Os problemas sempre están fóra de nós.
A culpa de todo téñena os demais.
Hai conspiracións “xudeomasónicas” ao noso redor
nós non somos culpables de nada.

Pepe era un vello medroso que vivía coa súa muller Isolina nunha aldea chamada Loirás. Era unha vila pequena cun grande camposanto que se estendía como podía ao redor dunha igrexa tan vella como a vida. Unha igrexa alta e rexa cunha torre que polo día amosaba o paso do tempo coas súas manchas de lique, e pola noite destacaba oufana contra a luz pálida da lúa.

Conta a lenda que nun pasado moi, moi afastado, na noite de fieis defuntos, un monstro xigante viaxaba dende o pasado máis pasado cara o presente máis presente e sentaba no tellado da igrexa, apertándose ao campanario para que seu corpo enormísimo non escorregara. Chegaba para render contas e ouveaba cun son tremelicante pero terrible o nome do vindeiro veciño do pobo que ía morrer.

Cando chegou a noite do trinta e un de outubro do ano dous mil e nove, ao Pepe, estando na cama, véuselle á mente a lenda do monstro do pasado e, cando estaba a piques de se cubrir coa manta para esquecelo, escoitou un salaio, un besbello, un berro, un ouveo terrible que fixo que os pés se lle conxelaran e lle rubisen calafríos dende as pernas até as costas. No ouveo percibíase con claridade “Pepe”, “Peeepeee”, “Peeeeeeeepeeeeeeee” e o vello lembrou que, segundo a lenda, o monstro do pasado avisaba da morte do seguinte aldeán. Lonxe de acabar de morrer co medo, ocorréuselle unha idea abraiante...

Baixou ás apalpadas cara a cociña; escura e tebrosa, púxose de xeonllos e meteu a man debaixo da artesa que a Isolina enchía de comida cada día. Moveuna dunha beira á outra até que súa man topou o que fora buscar: unha caixa grande de mistos. Fóra, na igrexa, o son terrible do monstro non calaba: “Pepe”, “Peeepeee”, “Peeeeeeeepeeeeeeee”.

O vello abriu a caixa e tirou dela con dous dedos unha cascuda gorda e feísima que tiña agochada en tal sitio porque sempre lle chamaran a atención aqueles animais pola súa resistencia, polo seu aguante. E porque á señora Isolina lle daba moito noxo. Achegouna aos ollos e besbellou:

—Xa sei como te chamarei: Pepe. Serás a cascuda Pepe.

Á mañá seguinte o becho amenceu morto, coas patas cara arriba.

Un contista
Jorge Emilio bóveda

cretine4@hotmail.com
Visiten o novo foro:
http://ofotomaton.wordpress.com

Ir á Portada volta atrás imprimir Volver ó menú de Relatos e Disertacións