| CELO
2.0.
OS FIGURANTES DO ENSINO
Quizais se o corpo se fai vello e se debilita,
tamén se debilite o espírito.
Jenofonte
Tras
ter escrito sobre o celo profesional nas páxinas 85 e 86
do meu libro A TRAVÉS DE CRISTAL. Breviario de perspectivas
(Liberlibro 2006 ISBN 9788495943991), que poden descargar de xeito
gratuíto na web da Asociación de Escritores en Lingua
Galega www.aelg.org ou no xornal dixital www.mundourense.com, volvo
a el —ao celo— co corazón envelenado co cianuro
da desidia e o mal facer dalgunhas persoas que nos arrodean.
Volvo ao celo profesional porque nunha institución latente
e patente na nosa sociedade, de importancia tal que “educa”
aos nosos fillos, hai (e haberá) figuras, ou mellor dito
figuróns ou figurantes, que non dubidan en vivir dos demais,
xa sexa dun xeito coma doutro; vivir dos propios compañeiros
de traballo ou de quen se poña por diante, se é que
se deixa. Recorrendo con pudor cero ás MENTIRAS, ás
TRAMPAS. E pensando eternamente, como dixo o psicólogo ourensán
Camilo Varela, que as persoas dialogantes e democráticas
até a medula “somos”, en determinados contextos,
parvas ou pánfilas, ou parvas e pánfilas. E non é
de recibo en absoluto.
Protesto amplamente pola falta de profesionalidade no ensino en
particular, por agardar o salario facendo o menos posible, por amorear
trienios e sexenios, e nonenios se os houbera, e agardar que os
traballadores máis novos lles tiren as castañas da
lareira aos figurantes. Anóxame a estulticia, o pasar pola
vida sen que a vida pase por un, a estolidez, a apatía, o
desinterese, a incultura, o dogmatismo, a unilateralidade...
O ensino é algo importantísimo pero a institución
tende, lamentablemente, a evitar o conflito e salvagardar a calma
a costa ás veces da acometividade de irregularidades, converténdose
este ensino nun lamentable “gremio” de funcionarios
displicentes, dos arquetipados que non queren traballar e só
queren tomar cafés e cubrir quinielas. Logo, cando chega
o informe PISA, botamos as mans á cabeza porque España
é un dos países de cola en rendemento académico.
E LÓ QUE ESPERABAMOS?
NOTA: Como en todo ámbito, como en botica ou
rebotica, hai honrosas excepcións que fan do acto educativo
unha experiencia positiva e arrequecedora para alumnas e alumnos,
o verdadeiro, único e último obxectivo da educación.
Jorge Emilio Bóveda
Escritor e Mestre
cretine4@hotmail.com
Visiten o novo foro:
http://ofotomaton.wordpress.com
|