CÍCLOPES

Ía escribir nesta semana dos albores dun verán novo sobre aqueles individuos e individuas aos que non lles importa asoballar aos seus conxéneres con tal de acadar o benestar para eles mesmos e os seus amiguitos. Pero non escribirei sobre iso, pois zumega tan indesexable mesquindade que non o fai un tema propicio para O Fotomatón, onde todo é diversión, harmonía, fanfarra, pureza e troula [o escribidor mira para o aire e asubía]. Non falarei dos rémoras infaustos dun sistema acomodaticio, aínda que o destro lector da entreliña se poida decatar de que pode ser case un tema recorrente nesta sección que lles cospe semanalmente pensamentos e literatura.

Falemos entón doutra cousa aparentemente distinta —aínda que quizabes anexa aos te/piso/y/me/pongo/yo — chamada pueril e ominoso monstro da envexa. Que medo! pois si, como para telo. É terrible, hai que poñerse a tremer cando fai súa aparición inzando súas gadoupas repugnantes e bambeándose torpe: Envexa é seu nome. Pero que clase de monstro e? Monstro creado cal Frankenstein ou prometeo moderno? Cal Golem? Cal Míster Hyde? Non. Máis ben digamos que monstro increado habitante dos sectores recónditos das nosas estruturas de pensamento, pero que só se invoca cando as persoas carecen de recursos (quizais por falta de estimulación e/ou malos hábitos temperás) para autodeterminarse como seres humanos e antepoñer aos estúpidos obxectos e situacións envexadas as cousas que de verdade importan. Cousas que non lembrarei para non parecerlles un insulso romántico entusiasta parviño. Lonxe da miña intención.

Deixémolo durmir, coma se dun ciclope Polifemo se tratase, que do contrario é complicadísimo de dominar. Que si. Agora ben. Se o invoca non se lle ocorra poñerse a chorar diante do monstro que creou vostede mesmo. Home vai!

O home que murmuraba aos ciclopes
CÍCLOPES
© 2008
cretine4@hotmail.com
Pasa a criticar/comentar o texto no foro "El fotomatón":
<http://boards.melodysoft.com/FOTOMATON/>
VISITEN TAMÉN (se queren e se lles pon ben):
<http://openultimochanzo.blogspot.com>
<http://apapeleiradereciclaxe.blogspot.com>

Ir á Portada volta atrás imprimir Volver ó menú de Relatos e Disertacións