CONTRASTES NUN PAÍS
DO PLANETA MANDARINA

Nesta semana de maio do suposto ano 2008 (non nos imos complicar a existencia facendo cábalas sobre o ano verdadeiro no que vivimos), chamáronme a atención dous episodios sociais, dous contrastes que aparentemente non contrastan entre si, pero cara o final desta perspectiva xa verán como algo se relacionan.

O primeiro episodio é de dominio público e a todas “luces” se ve, pero non se analiza até que suceden desastres ominosos froito dese contraste, logo analizámolo mal, deixámonos levar polo noso instinto e convertémonos en touros dispostos a escornar: En plena era das tecnoloxías; era na que unha rede de redes a nivel mundial sustentada en milleiros de bases de datos que todo o controlan (sobre todo o que teña que ver co diñeiro) vivimos en España cun sistema xudicial decimonónico. Un sistema xudicial que bota ás rúas deseguida a seres que supoñen perigo público. Hai programas informáticos que xestionan clientes cando o pecuniario anda polo medio mais os procesos xudiciais se xestionan ao estilo Pedro Picapedra. Primeiro contraste. E como comprobei o outro día non contrasta só a xustiza coa banca en canto a xestión interna: senón pregúntense por que o noso DNI é sofisticado, robótico, dixital, total, e o noso libro de familia parece estar caligrafado por Gustavo Adolfo Bécker. Non sigamos a buscar contrastes deste social episodio, que todos sabemos que para a maioría é máis importante gañar diñeiro que impartir xustiza. Pasemos ao segundo.

O segundo episodio social que me chamou a atención esta semana é dilatado até o fastío e ven de vello. Este segundo contraste é a perpetuidade nos medios de comunicación da prensa amarela, mal informada, pseudocientífica, de demencia, que postulan os vendedores de misterios, de miserias alleas e de cotilleos que tanto gustan, sen caer por un intre en que nos están tomando o pelo ate extremos hiperbólicos. As caras de Bélmez (ou os caras de Bélmez), alerta ovni, Anna Oregón, Psicofonías en Belchite, Glamour en Cannes... escudándose os charlatáns en que debemos ser nós os que tiremos nosas propias conclusións, que temos dereito a estarmos informados, cando está demostrado que toda esa borralla que nos amosan está cento e mil veces manipulada. Publican libros con andrómenas e investigacións propias de Mortadelo e Filemón, “estudios” de infiltración nas mansións dos famosos... saen en programas, limpos e cos cabelos brillantes, pero están sentados e así non percibimos que levan a zona anal sen limpar. É igual, o caso é que sempre haberá hordas de seguidores supersticiosos e parvos que, pasando o sentido crítico por sabe “deus” onde, os defenden con fereza, constatando para os que nos molestamos por empregar o sexto sentido (o común) a explicación de que o aparato eclesiástico católico siga montado tal e como leva montado dende tempos do emperador Constantino.

E vostedes dirán: onde está o contraste neste segundo episodio social???? Pois é evidente. Na sociedade empírica e racional e científica do novo milenio, cando nunca as humanidades estiveron tan deostadas en favor -iso din- das ciencias positivas, tragamos vía televisión refritos a medio cocer sobre “investigación” parapsicolóxica, emisións de morbo esaxerado con sangue e carne de por medio, éxito Express, ou fondura literaria a la maniera de Ana Rosa Quintano. E que ten que ver o segundo contraste social co primeiro contraste social? A prensa falaz coa infraestrutura xudicial? Pois si, iso que están a pensar: o diñeiro. Non nos soemos conformar con que nos chegue para vivir, vivimos para amorealo deixando moitas veces nunha beira o rigor, o celo profesional, a ética e a esas palabras relativas a un compromiso que non teña que ver con gañar cartos. Ai!

Un lego adorador
Do sentido crítico
CONTRASTES
© 2008
cretine4@hotmail.com
Pasa a criticar/comentar o texto no foro "El fotomatón":
<http://boards.melodysoft.com/FOTOMATON/>
VISITEN TAMÉN (se queren e se lles pon ben):
http://openultimochanzo.blogspot.com
http://apapeleiradereciclaxe.blogspot.com

Ir á Portada volta atrás imprimir Volver ó menú de Relatos e Disertacións