| DEIXÉMONOS EN PAZ
Seica a facción máis reaccionaria dos reaccionarios cristiáns católicos practicantes se botou ás rúas reivindicando a estrutura familiar que eles e o libro consideran “normal”, ortodoxa, marcial e única: pai + nai casados pola igrexa practicando e comungando o dogma supremo + fillos. Grande tumulto comandado polos “pais” desa igrexa —xeralmente abstemios e todos solteiros— que sentencian a golpe de sentencia e micro que a paz periga pola chegada das novas estruturas familiares, polos científicos avances que se propuxeron alongarnos a vida, polos métodos anticonceptivos que evitarían que a SIDA causase os estragos que causa na esquecida África. A paz en perigo, din. A paz. A mesma paz que pasa por Kenia ou Pakistan; onde aínda non casan os homosexuais e á que eles agoiran unha caída de estrépito referendada dende un Vaticano opulento.
Din que non hai maior desprezo que non facer aprecio. Que non debería pronunciarme ao respecto, e quizabes teñan razón, pero o poder congregador desa infamia foi tal que non puiden por menos de botar o bolígrafo ao papel para sentir a simbiose do sentimento de angustia que me producen e a catarse que supón escribilo. Collín o bolígrafo para tentar inzar un estandarte de sentidiño común; que non demagogo; común. Xa verán por que:
Son cristián polo de agora —penso a diario na apostasía—, fun bautizado, fixéronme facer a primeira comuñón e a confirmación, e unha mestura de determinismo e conivencia fíxome casar coa miña muller tamén por esta modalidade. O pensamento autónomo (o máis autónomo posible), o razoamento, o raciocinio e varias lecturas (bastantes) dun tempo a esta parte leváronme á sala do agnosticismo. Foi o máximo que puiden acadar. Un agnosticismo e tan bo día. Abaneei entre as simas do nihilismo e do ateísmo antes de chegar a el. Pero quedemos coa importancia dos datos previos: pasei por CATRO SACRAMENTOS da institución católica e nunca acadei unha crenza metafísica a través do aparato eclesiástico. E partindo da obvia premisa de que a eucaristía non casa co intercambio de pareceres, co debate, co diálogo, co progreso nin coa aprendizaxe.
O meu agnosticismo é meu e non da igrexa católica. Pero por qué? Impiedade? Descrenza do libro único? Non só iso. Fírenme eses privilexios que se arrogan e ese perpetuo dogmatismo; esas mentiras ou medias verdades ou falsas crenzas que sermonan. Esa opulencia, ese gusto inefable polo poder, esa cerrazón, esa falta de lóxica, ese xeito de meter os fociños onde ninguén lles chamou. Se cren até o fanatismo no seu dogma de fe por que non cren en distintas e anovadoras estruturas familiares? Por que non cren no amor que se poden profesar dous homes ou dúas mulleres? Por que no cren no divorcio; no cambio de vida cando dúas persoas se unen trabucando o camiño?? Por que non cren en nós??
Deberían crer en nós se quixeran que nós creramos neles; como moi ben reflectiu Javier Marías nun marabilloso artigo que xa mencionei algunha vez titulado “CREED EN NOSOTROS A CAMBIO”. Pero como esa é sentencia allea porei a miña como colofón a este artigo e sen deixar de “invocar” ao sentido común; unha frase certamente recorrente e mundana que xa empreguei algunha vez ao falar das parellas homosexuais: VIVAN E DEIXEN VIVIR. VIVAMOS E DEIXEMOS VIVIR. Se a paz se deteriora é precisamente pola súa responsabilidade. Nós somos os tolerantes. Se nos deixan en paz teremos a “paz” garantida.
Jorge Emilio Bóveda
DEIXÉMONOS EN PAZ
Cretine4@hotmail.com
VISITEN TAMÉN:
http://openultimochanzo.blogspot.com
http://apapeleiradereciclaxe.blogspot.com
|