DERROCANDO AO TALIÓN

A convivencia social, este incesante movemento entre a casualidade e as consecuencias lóxicas, fainos actuar de acordo cunha lei moral mellor ou peor elaborada dependendo da disposición dos mobles das nosas cabezas; foros interiores refrescados polo cristalino pantano da razón. A razón. Cantas veces, cando escoitamos Teño razón! dubidamos mentalmente sen dicir ren, ou cando escoitamos: só quero que me dea a razón! pensamos: que máis quixera eu, meu meniño, co que che compre...

A escaseza de razón quizais converta unha lei moral, desexablemente elaborada e digna dunha esencia humana, nunha binaria e pedestre Lei do Talión (xa saben, a do ollo por ollo...) non só atribuíble ao pagamento polas malas accións senón polas rutinas máis costumistas do engrenaxe social, sen máis. A saber: non saúden ao veciño que verán o que terán, inviten unha vez a café e verán como lles será devolto o convite, ben, neste exemplo non me quixera comprometer, vouno redactar doutro xeito: Deixen de invitar a café cando lles toque, dentro dunha dinámica de cafés nun grupo de persoas, e verán o que terán.

En realidade non é tan sorprendente nin denunciable este actuar, e entendo que moitos o defendan, pero este humilde “engrenador” mental pensa que deberiamos elaborar máis as nosas leis morais, cadrándoas do mellor xeito coas leis universais (as da xustiza mellor non mencionalas), pero nunca “devolvendo” automaticamente tras medir o que se nos tivo feito, xa sexa positivo ou negativo para nós. Pois todo ten centos de lecturas que subxacen: Que non nos saudaron porque quizabes temían unha conversa na que non sabían que dicir, que non nos convidaron a unha cervexa porque non cadrou, que se ese primo Ataúlfo de Argamasilla, co que nos levamos tan mal, non nos convidou á comuñón do seu fillo Paquito deberíamos sentirnos contentos porque, en realidade, non queríamos ir, e non optar por alimentar o rancor xa existente conxurando demos porque non fomos convidados.

Elaboración. Require dunha elaboración. Agora, como se elabora nosa lei moral? supoño que ten unha parte innata que ven posta en nós e unha parte adquirida con educación e lecturas. O método de proceder déixoo no aire pois, como escribín hai unhas liñas, non son máis ca un humilde “engrenador” mental.

PD: Se me ve pola rúa saúdeme igual, aínda que non teña nada de que falar comigo.

O engrenador mental
DERROCANDO
AO TALIÓN
© 2008

cretine4@hotmail.com
Pasa a criticar/comentar o texto no foro "El fotomatón":
<http://boards.melodysoft.com/FOTOMATON/>
VISITEN TAMÉN (se queren e se lles pon ben):
<http://openultimochanzo.blogspot.com>
<http://apapeleiradereciclaxe.blogspot.com>

Ir á Portada volta atrás imprimir Volver ó menú de Relatos e Disertacións