Semana 12  de novembro do 2007

DESAFINADA CANTATA CULTURAL

Chama a atención que aos vitais moradores da esfera  non lle chame a atención a pouca atención que se lle dispensa á diferenza entre a formación académica ou artística ou académicoartística e a formación humana.

Choca que un catedrático de calquera disciplina da ciencia non sexa quen de manter unha conversa coherente e se vaia sempre ao monopolio e ao egocentrismo e a unha razón suprema e irrevogable. Choca que un diplomado con certa cultura non saiba trocar o seu rexistro lingüístico cando fala cun homiño da aldea. Choca que un licenciado nunca queira recoñecer que un bacharel poida ter máis coñecementos ca el; converténdose o fámulo, sen sabelo, nun licenciado Vidriera. Por exemplo.

Pero non vou tentar dar unha explicación para iso, que moi ben explicou o filósofo Xosé Antonio Marina no seu intelixente libro “La Inteligencia Fracasada”, só quero reprochalo, non explicalo; reprochalo. Acusar a esas persoas por ser dese xeito, por ter a maldita sorte de non topar nunca nas súas vidas alguén que lles tivera reprochado eses malos hábitos que, como deberíamos saber, son as sambesugas más difíciles de extirpar. Aos hábitos quédalles moi costa arriba os cambios.

Reprocho, entón, a existencia de humanos academicamente preparados que pensan que unha conversa é un acto de monólogo propio; froito da crenza de que só é importante o que eles ou elas pensan e poidan aportar. Reprocho que as titulacións universitarias non sexan directamente proporcionais ás metafísicas “titulacións” humanas. Reprocho que bos escritores, pintores, poetas, artistas, cheguen a ser malas persoas, porque defendo romántica e inxenuamente que un bo artista (escritor por exemplo) debería levar a súa altura persoal ao nivel de calidade da súa arte. Reprocho a mediocridade nas esferas universitarias. Reprocho que pro homes da cultura  se comporten coma nenos caprichosos. Repróchoo. Como ven non aporto solucións, tan só acuso. A solución tena cada un dentro de seu foro interior e da súa vontade. Ou non?

O Acusador testemuña da mala execución da banda Orbe

DESAFINADA CANTATA CULTURAL

Cretine4@hotmail.com

 

Ir á Portada volta atrás imprimir Volver ó menú de Relatos e Disertacións