DESIDERATUM AQUEL

Contumaz e inxenuamente defendía que vivir arrastrando un desiderátum; desexando sempre algo por riba do que temos, era só cousa dos entusiastas fantasiosos cuxa percepción da realidade anda alá por alfa centauri. Que o humano prezado de o ser, podería chegar a berrar aos catro recunchos do mundo: xa está! Xa o teño todo! Non preciso de máis nada! Miña alma está acougada, a misión cumprida, e xa me podo sentar á espera de ser devorado polos leóns do esquecemento. Que equivocado andaba!.

O desiderátum é un paxaro de calquera e todas as especies que non consegue fartarse e que vive ao redor das cabezas de todos os humanos, posúan a cronoloxía que posúan. Tanto vive nos anhelos do rapaciño pola vídeo consola (outrora tren eléctrico) como pola ansia subrepticia da nai de familia por cambiar de vida (outrora cambiar de vida), como polo desexo de xacer amorosamente con calquera e todos os amantes do mundo, como pola ansia do artista por consagrarse, como pola traballadora subxugada por cambiar de nivel de ingresos. Opino que é difícil subtraerse ao influxo desta ave que nin se deixa escorregar por os máis serios tratados filosóficos. A humanidade desexará sempre “á muller ou ao home do quinto”.

Como dixo un escritor local, vivimos un segmento temporal; un salaio, de pé, no penúltimo chanzo dunha escaleira que non leva a ningures. Fagamos o que fagamos, academos o que academos, subamos coa arte que subamos, viviremos desexando, tesos e tristes, nese penúltimo chanzo. Que si.

Un ente desiderativo
DESIDERATUM AQUEL
cretine4@hotmail.com
Pasa a criticar/comentar o texto no foro "El fotomatón":
<http://boards.melodysoft.com/FOTOMATON/>
VISITEN TAMÉN (se queren e se lles pon ben):
<http://openultimochanzo.blogspot.com>
<http://apapeleiradereciclaxe.blogspot.com>

Ir á Portada volta atrás imprimir Volver ó menú de Relatos e Disertacións