| DIFUSIÓN HUMANA
Vendo un telexornal o outro día abraioume (arre demo miña inxenuidade!) a emisión dunhas imaxes tomadas por unha das cámaras de vixilancia de rúa nunha de tantas cidades americanas. O dispositivo recollía, nunha mañá de sol e xentío, o intre no que un vehículo atropelaba a un ancián nunha rúa concorrida. Este caía violentamente no medio do asfalto coma un boneco e, nin o condutor implicado, nin calquera outro condutor, nin ningún peón testemuña do accidente, se achegou ao ferido ate uns agonizantes e longos minutos.
Aquela frialdade case criminal, que se repite máis do desexable, lembroume un caso similar que lera nun libro de psicoloxía, o caso Kitty Genovese. O 13 de marzo de 1964 a moza traballadora Catherine Kitty Genovese foi asasinada á beira da súa casa en Nova York. Un crime bastante rutineiro, se non fose porque o asasinato durou máis de media hora. Kitty berraba e pedía axuda, mentres se movía apuñalada dunha porta á outra, e o asasino volvía unha e outra vez ata que lle deu o golpe final. Todo ante a vista de trinta e cinco veciños que observaron pola xanela e non fixeron NADA.
Ás veces axudamos ás persoas e outras veces non. Por que sucede isto? A hipótese psicolóxica “oficial”, segundo Bibb Latané e Jhon Darley, xoga cun termo chamado DIFUSIÓN DA RESPONSABILIDADE, considerando que cando unha persoa é testemuña dunha situación de emerxencia, levar a cabo unha conduta de axuda depende dunha serie de decisións. Da simpatía estética que lle produza a persoa en apuros, do número de persoas que observen (pois uns tenden a pensar que “xa irá outro”), do custo físico que lle vai supoñer á persoa prestar esa axuda, etcétera.
Logo está a hipótese “apócrifa” ousada, a deste que subscribe, que consiste en introducir temas de psicoloxía nos currículos escolares a partires dunha idade prudente da secundaria. Para que os humanos responsables en cernes coñezan os casos cos que se poden topar na vida e xogar con vantaxe. Pois supoño que agora vostede, lector internauta, unha vez que leu o caso de Kitty Genovese, tomará outro tipo de cartas cando se atope nunha situación similar. Ou non?
Tamén se debería aplicar non só a psicoloxía senón tamén á literatura á filosofía e á ética. E non se debería de limitar aos últimos cursos da Secundaria senón estenderse á universidade e á formación profesional. O ninguneo ás humanidades debería de acabar se quixeramos tratar con persoas máis humanas. Opino (quizais inxenuamente) que calquera programa de estudos, tanto técnicos, como científicos, debería estar impregnado dun xeito ecléctico de disciplinas que desenvolvan o pensar. Porque o DECIDIR está dentro dese PENSAR. Que opinan? Sería demasiado utópico? Lembren que existe un foro nesta web.
Un psicólogo apócrifo
DIFUSIÓN HUMANA
© 2008
cretine4@hotmail.com
Pasa a criticar/comentar o texto no foro "El fotomatón":
<http://boards.melodysoft.com/FOTOMATON/>
VISITEN TAMÉN (se queren e se lles pon ben):
<http://openultimochanzo.blogspot.com>
<http://apapeleiradereciclaxe.blogspot.com> |