| DISCORDIA
PER SE
Setembro 11, 2008 by pastorpaez
Ía
escribir, nesta semana do suposto oito de setembro do suposto ano
dous mil oito, unha perspectiva que criticara por vez enésima
aquelas persoas que apelan aos seus dereitos e privilexios esquecendo
as obrigas; sobre os que se cren máis papistas có
papa; sobre os que se cren superiores a ti; sobre os que non che
din as cousas con claridade; sobre os hipócritas que che
botan un sorriso por diante e un balde de chumbo afundido por tras…
pero non o farei. Non escribirei esa perspectiva por dúas
razóns: a primeira é que está profusamente
criticado noutras perspectivas que lles veño ofrecendo dende
hai anos, e a segunda, e máis importante, é que a
mesquindade humana que supuraría o tocar calquera deses puntos
e indigna de mención escrita e me leva entristecendo o que
vostedes non saben.
Sempre defendín, pese as críticas, a
inexistencia intrínseca do ben e do mal; e a súa presenza
coma resultado de pasos habituais transmitidos de xeración
en xeración. O mal e o ben, eses opostos que, conxugados,
levan á humanidade, agrupada en grupos sociais, case sempre
á discordia. Defendín a nosa existencia por riba do
ben e do mal ataviado cunhas nocións rudimentarias de ética
e unha concepción “mediosófica” (filosófica
media, ou medio filosófica) máis baseada no raciocinio
e no sentido común que en complexas correntes filosóficas.
Penso que xa superamos a idea -un tanto pueril- de
que o que é bo para min pode ser malo para vostede e viceversa,
pois, filosoficamente, iso suporía que ben e mal son a mesma
cousa, e sería un paradoxo. Ben e mal si que existen, pero
non por si mesmos, e cumpriría configurar nosas realidades
por riba deles para non caer no maniqueísmo ignorante, procurando
cumprir unha doada directriz persoal: obxectivarnos e dignificarnos
sen prexuízo para o próximo, distinguíndonos
ante un posible marasmo que nos atopemos, no que cada un faga o
que fagan os demais. Distinción para nós, por favor,
obxectivos e dignos sen prexuízo para o próximo.
O problema (a discordia) xorde na conexión
das realidades configuradas por cada un. Pois cada un cribou a realidade
e todo o que a rodea en función a uns patróns de validez
que non son compartidos por todos e que conducen á discordia.
Patróns xeralmente inculcados coa (des)educación do
fogar e coa (des)educación que fai a sociedade dos medios
de comunicación. Opino, sentido común en riste, que
esa é a causa e o motivo polo que nunca, en toda a historia
da humanidade, se vai acadar unha concordia global. O que o diñeiro
está conseguindo pouco a pouco (globalización) non
está reservado a “substantivos” tan abstrusos
como a paz, a xustiza, o amor, etc, que se reducen e se reducirán
sempre a celebracións simbólicas dun día de
duración.
Pero por que non configurar nosas realidades en torno
a un eixo vertebrador común baseado nese “obxectivarnos
e dignificarnos sen prexuízo para o próximo”?.
Pois porque voan ao noso redor xenreiras ignorantes difíciles
de pulir, como a comodidade, a envexa, a crenza estúpida
de que temos privilexios e outras manchas da conduta que, de non
librarnos delas -cousa que nunca ocorrerá- nos vai manter
eternamente orbitando, como satélites, ao redor do planeta
da discordia.
Un discordante
VISITE O NOVO FORO:
http://ofotomaton.wordpress.com |