| FUNCIONAMENTO E ESCRITORES SAPIENCIAIS
Agora que está moi en boga o feito de coñecer a vida e milagres de certos personaxiños que agroman na mal chamada e mal nacida prensa de corazón, ocórraseme a min, mudo de atalaia, unha especie de símil ao respecto cara a escritura sapiencial; a sabedoría.
Imaxinemos a un deses personaxes, por exemplo Carmita Blázquez do rancio avoengo trucado, que seica morreu de sobredose e que ten douscentos fillos doutros tantos homes. Ben, pois a meirande parte dos consumidores dese tipo de prensa coñecen as andainas desa señora, as datas dos seus matrimonios, os nomes dos homes que envorcou na cama, os nomes dos fillos que pariu, os nomes dos deseñadores que lle fixeron a roupa, pero descoñecen totalmente o caracter intrínseco desa muller, ou como funciona o seu foro interior: se é tímida ou extravertida, se é mesquiña ou xenerosa, se é sensata ou insensata (seguro a segunda), se é sociable ou insociable, espelida ou panoca, se leva os seus designios ate as últimas consecuencias, se é pertinaz, contumaz, feraz, mordaz... o único que se sabe dela é SUPERFICIAL e ladrado en programas inefables de tertulianos disfrazados de relatores nunha conferencia sobre o ADN, a literatura universal ou o estado da nación. As porteiras (con todos os meus respectos para elas) e outros seres do coto consumidor desa bazofia non coñecen NADA encol do funcionamento interior deses seres (moitas veces vítimas de si mesmas e do pseudosistema), porque o caso non é coñecer, o caso e ser partícipes de lingua dunha estulticia abafante, o caso é amentar: Carmita Blázquez, seu home número “pi”, seu fillo toureiro, vestido de Dior (dior mío), bla, bla, bla...
O mesmo ocorre con algúns outros personaxes que viven a súa vida a costa desto tan subxectivo e antitético que chaman cultura. Moitos escritores e ensaístas coñecidos e consagrados, filósofos e pensadores non teñen escrúpulos de botar enriba dos oíntes a última cita dun persoeiro emblemático que leron nun sobreciño de café Las Candelas, ou mentar a Platón, Homero, Goethe, Joyce, Proust... porque saben que neles pivota a sabedoría. Pero sábeno de oídas porque nunca leron nada destes ínclitos seres, tan só escoitaron en cenáculos e conversas de taberna: Proust era pobre, Platón era gai, Joyce foise quedando cego como Borges, cultura, libros nos estantes, Emerson ensaísta, Freud psicanalista, Pascal señor plaxio, bla, bla, bla.
Vou cometer agora eu, mudo de atalaia, o erro a medias, pois vou reafirmar as miñas liñas precedentes con algo que dixo Borges. Sen chegar á categoría de sabio, pois quizabes fagan falta vidas, pero pasando hai tempo á categoría de sensato, direi que si que lin a Borges aínda que non todo o que o escritor merecía: rexeiten a biografía e quédense coa obra . Pois iso, a obra, pese a que requira un esforzo intelectual maior, faranos coñecer o funcionamento interno e real da sabedoría dos grandes, non as oídas, non un libro que se le no verán ao amor da sombra dun castiñeiro. As lecturas inmediatas tampouco valen moito. Moito, ben, e seguido. Logo si estarán acreditados.
O Mudo da Atalaia
|