EVITANDO A SÍSIFO

O camiño dereito non necesariamente ha de referirse á ortodoxia, ao dogma ou ao porque si. O camiño recto basea seus piares na negación dos camiños circulares; en mirar sempre cara adiante, en non facer nosas incómodas parvadas, en enarborar o detector de importancia; esa máquina metafísica que nos criba a palla do gran da importancia, que nos redime da insulsa invención do drama vital sobre actuado. O camiño recto consiste en non morrer de estulticia, en buscar sempre os mil pés ao indolente gato das cousas que, per se , veñen dadas. En atopar novas ordes, novos matices, novos contextos, en non vivir nunca curtametraxe nin nunca longametraxe; non vivir nunca ficcións enlatadas pois tarde ou cedo decatarémonos que voa sobre nós un guión prefixado sobre uns contextos aos que non somos quen de subtraernos, e aos que estamos inexorablemente ligados. É preferible previr que caer dun día para o outro en que non somos máis ca un Drácula/Christopher Lee e que imos acabar morrendo furados pola estaca marcial dun Van Helsing/Peter Cushing. Moi predicible e desacougante. Cambiémolo a tempo.

A liña recta é camiñar cara diante de ganchete co tempo, padalando cada intre e sendo quen de ser conscientes de que os momentos poden ser diferentes cada día, de pura madurez. Non caer en ningún absolutismo, nin sequera o temporal. Pois seguir a liña recta é vivir sen prexuízos, sen xenreiras e tirando das malas experiencias as mellores cousas e das boas todo; considerando as lecturas continuas como parte desas boas experiencias, loitando por defender as ideas propias e as alleas que merezan a pena; as conviccións sensatas e salvarse daqueles entes que nada nos aportan, que moi ben nolo aconsellou Sandor Marai no seu Herbario delicioso.

Coma calquera camiño en liña recta que tentemos acometer poderemos ir facendo paradas, a cotío, ás veces ou nunca, pero de facelas han de ser precisas: unha recapitulación, un desvío cara outra liña recta, un cambio de sentido, un descanso, pero nunca dar voltas, pois o humano ser que xira como buxaina sen motivo convértese en vítima dos voitres do seu propio interior; de si propio, de si mesmo, e morre, en vida, morre pasando a ser un morto vivinte, un moderno prometeo ou un señor Valdemar do século XXI. Evitémolo. Como? Xa sabemos, non é difícil, paseniño, cara diante, seguido e sen caer no estancamento ou na rutina do que se atopa sempre no mesmo guión manido. Non.

O inimigo de Sísifo

 

EVITANDO A SÍSIFO
© 2007 Jorge E. Bóveda
cretine4@hotmail.com

Pasa a criticar/comentar el texto en el foro "El fotomatón":
http://boards.melodysoft.com/FOTOMATON/

Ir á Portada volta atrás imprimir Volver ó menú de Relatos e Disertacións