FURTANDO VOSO LÉXICO

Degaro, Deíxe, Deostar, Desiderátum, Doa, Eiva, Empardecer, Endeitas, Envellentar, Epidíctico, Esguío, Espullas, Esqueira, Estantío, Estro, Eulálico, Falcona, Fanega, Fasquía, Fístor, Folón, Fulcro, Genevra, Gurgullador... son palabras estas das que visitan meu maxín e se esparexen por todo o meu foro interior en maiúsculas para facerme ver e crer que son máis cultivado ca vostede. Son estas palabras con maiúsculas das que vou tomando nota nun caderno metafísico e noutro físico, roubándoas sen piedade das correntes da fala e da escrita. Así, sen parecer que as ando a coller, como se fose unha arrasadeira dun Blanco Amor neno. Algunhas son velliñas, velliñas, e proceden do período histórico anterior á romanización, outras sufriron a moldura do latín coa entrada dos romanos na Gallaecia. Son particulares, cada unha ten o seu e forman parte dunha colectánea obsesiva que non podo deter.

Son palabras collidas na corrente da comunicación das que, mentres camiñamos cara a fin do camiño e comezo da noite perpetua, nos fan sentir o badalo mental repenicando a morea de léxico que se forma e se alimenta cara adiante e cara atrás cos apuntamentos dese inefable caderno de investigación. Coma se de detectives da vida se tratara (ou nos trataramos). Vocábulos fugaces que atrapo co meu bolígrafo sen tinta e sen permiso a medida que os vou respirando do éter. Eses mesmos que nos fan pasar ao plano cultural mais culto. Eses fragmentos de discurso dos que fan uso algúns humanos para disparar sen propiedade en congregacións de humanos. Palabras que conceden a falsa sensación de que actuamos nun plano superior e que o que nos circunda non é máis ca unha flagrante mediocridade. Esas sesgaduras que avisan ao observador de que non chegou o intre de emprender un voo solitario; e que se se emprende de todos os xeitos farase colmado de erros. E o observador nunca escoita. Hei de seguir; seguir amoreando, nunca é momento de emprender ese voo.

Remórdeme a conciencia este furto verbal? Pois non ren. Vostedes non utilizan as palabras. O si?

O roubador de palabras

Fonte: El Gallo de Morón o El Tercer Motivo. J.E.Bóveda. Liberlibro 2007

FURTANDO VOSO LÉXICO
© 2007 Jorge E. Bóveda
cretine4@hotmail.com

Pasa a criticar/comentar el texto en el foro "El fotomatón":
http://boards.melodysoft.com/FOTOMATON/

Ir á Portada volta atrás imprimir Volver ó menú de Relatos e Disertacións