| GRIS
Deprímeme
este tempo. Dáme sono, cansazo, sinto frío e desacougo.
Os días bótanse riba de nós, sen coidado, comendo
o tempo con ansia, larpeiros. As rúas son grises de máis,
sostendo impasibles os pasos de transeúntes apresurados que
tentan evolucionar nos seus designios, sempre importantes pero nunca
abondo importantes. Non evolucionan, nunca evolucionan, só
se moven cun frenesí que realmente non cómpre.
Aínda por riba o desacougo medra ao albiscar a sombra ominosa
do Nadal, esa tempada que merece a pena polo período de asueto
e por manter a ilusión dos nosos nenos e nenas, habitantes
dun mundo onde cómpren todos os Nadais posibles. O malo é
que non se me van do pensamento os excesos, o consumo, o hedonismo
e, en definitiva, a irrevogable propensión que temos os humanos
a festexalo todo. Non hai que estudar socioloxía para saber
que unha parte enorme dos seres que festexan suntuosamente o Nadal
faino co pretexto da festa, de xuntar a familiares e encher o corpo
de calorías. Nin recollemento, nin coñecemento das
orixes da festa, nin ren. O ascetismo non casa con este mundo idiota.
Chega a tristura con antelación, e non pensen que é
doado fuxir do clixé do Nadal. Estamos todos determinados.
E nesta espera polo gordo Noel vermello coca cola, o Xesusiño,
e os reis cada vez menos magos, a choiva quizabes sexa o mellor
neste absceso de melancolía, porque invita ao recollemento,
e este á reflexión, á lectura, á meditación...
a GOZAR DO SILENCIO. Non pensei que ía escribir estas tres
palabras, pero constitúen, créanme, un oasis nun deserto
cíclico, un bálsamo deste tempo que retorna unha e
outra vez, e que non queremos pero se nos pon diante como unha visita
non desexada que tarda máis da conta en marchar. Que si.
O cabaleiro gris
cretine4@hotmail.com
Visiten o novo foro:
http://ofotomaton.wordpress.com
|