| HIBERNADAL
Ola estimados concorrentes desta sala virtual das propostas enfocadas dende diversos e diverxentes puntos de vista. Son un oso pardo, e ando aproveitando estes días na Auria, previos ao Nadal, para facer amoreamento de víveres para encher a despensa da miña cova, do meu burato, do meu recuncho predilecto, do meu oco do “estar” e “ser”. Por que? pois porque son un plantígrado atípico e atópico que vive nun monte inmenso que hai na serra do Xurés. A que pensaban vostedes que non había animais da miña especie na Gallaecia?. Pois si, polo menos un, non coñezo ren (os primos comezan a estenderse pola Astúrica).
Unha das miñas particularidades como oso único desta rexión é a capacidade de hibernar cando me peta, cando mo pide o corpo, ou a mente, ou o corpo e a mente. Non respecto as consabidas estadías dos da miña familia mamífera, fago os períodos de letargo cando o teño a ben. Precisamente por iso ando estes días na Auria, apañando o imprescindible para un pequeno letargo que vai dende o día 10 de decembro até o 10 de Xaneiro; un mesiño pechado dentro de min, rendendo tributo ao meu embigo, espertando aos poucos (outra das miñas habilidades) para inxerir alimento físico e metafísico e volver ao sopor, ao stand by , ao ser pero non estar. E vostedes, internautas avezados, supoñan o por que. Sábeno?
O oso pardo
|