AS PÓLAS DE HORKHEIMER*

A cotío recorro a Horkheimer ao falar con persoas que se senten desmotivadas nos seus traballos por topar con outras persoas coas que comparten o cadro de persoal «fulano e mengano non fan nada; non rañan bóla». O erro fatal, xa saben, é a “ética” reaccionaria do ollo por ollo, baseada en que canto menos fagan os outros menos farei eu tamén; comparable con roubar o que sexa ao ver que os de arredor están roubando o que sexa, matar a un asasino ou emprendela a labazadas no fútbol porque os outros a emprenderon a labazadas.

Horkheimer (xa falei desto nalgunha outra perspectiva) defendía, máis ou menos, a idea de que unha persoa soa non pode cambiar o mundo, pero co pouco que poida facer fará que os aspectos negativos do mundo sexan menos negativos. Chámase isto teoría da inutilidade necesaria. Era un filósofo reputado e xenial pero, se nos detemos a pensar un intre todos (ou unha maioría) poderíamos chegar a unha conclusión similar.

Penso que as pólas de Horkheimer están máis preto do que inicialmente nos dá por crer. Tendemos (eu inclúome) á negatividade; a ser pesimistas antes que optimistas pero, por moi mal que “as cousas” estean, que a todos nos consta que non andan ben, hai que recoñecer que todo podería estar moitísimo peor. Non. Non é a hora de establecer comparacións odiosas, pois cada parte do mundo ten que seguir seus pasos evolutivos, é tempo de establecer un exemplo: imaxinemos que visitamos unha maqueta a escala, extensísima e chea de detalles, na que se ve un tren eléctrico facendo un percorrido, parando, volvendo a andar e botando fume inmiscíndose nunha serie inxente de recunchos e recantiños. Pois, se fixéramos un corte no que se ve desa maqueta veríamos un oco ateigado cun complexo intricado de cables e conexións que fan que o cachifallo funcione. Pois a nosa sociedade é algo similar. Na sombra hai adoradores inconscientes (ou non) de Horkheimer, traballando a esgalla e facendo que os “protestóns” teñamos comida, bebida, calor e protección. Que si, señores e señoras, que si. A cousa está mal pero, grazas a algúns, non tanto.

O macaco dunha das
pólas de Horkheimer

AS PÓLAS DE HORKHEIMER
cretine4@hotmail.com
visiten tamén:
http://openultimochanzo.blogspot.com
http://apapeleiradereciclaxe.blogspot.com

*Max Horkheimer W. (1895-1973). Filósofo e sociólogo de orixe xudía alamana. No 1930 foi nomeado director do Instituto de Estudos Sociais da Universidade de Frankfurt. Coa chegada do nazismo, debeu fuxir a Nicaragua, onde seguiu traballando xunto a outros pensadores da Escola de Frankfurt. É un dos pais da chamada teoría crítica, que influenciada polas correntes do marxismo occidental, elaborou unha crítica da cultura no contexto do capitalismo tardío.

Ir á Portada volta atrás imprimir Volver ó menú de Relatos e Disertacións