| LECTURA SÉCULO XXI
Instrucións únicas para ler este texto:
Poña os lentes da relatividade e flúa
Dixo Leopold Bloom (penso) que San Agustín inventou a lectura tal como a coñecemos nos derradeiros dezaseis séculos, e que hoxe contemplamos con tristura elexíaca a morte do “ler” nunha época que celebra a Stephen King. Unha época na que o ritmo de vertixe da sociedade nos bota a buscar evasións constantes e Express, facéndonos deglutir produtos (ou subprodutos) pouco traballados en relación á literatura e moi traballados en relación co estoupido comercial e as vendas masivas. Libros máis reflectidos nas tramas cinematográficas que na literatura que nos conviría para medrar como persoas e non como consumistas. Medrar como o descoñecido escritor Georges E. Vault, que dicía, ao respecto do seu pouco interese polas vendas, que non quería “unha pasta” para vivir senón ler e ler para mellorar a súa pasta.
Paradoxal e lamentablemente isto non é indicativo de que nosa deriva intelectual non teña remedio, posto que a oferta editorial é ampla e o humano é libre de escoller. Outra cousa é que ese ser humano estea determinado polo entorno e non posúa xenética nin disposición nin vontade para cambiar a situación, buscando a verdadeira cultura noutros lugares que non sexa o corte inglés ou as baldas superiores da sección de libros do carrefour; as que entran polos ollos. Lembremos que por natureza os animais tenden a coller o camiño doado, ou como vulgarmente se di: o máis práctico, que é o máis “iluminado” e flanqueado por centros comerciais con librarías que medran economicamente grazas aos Best Sellers. E “digo” Bestsellers pois, como escribiu Blake tempiño ha, a sabedoría tamén se vende no mercado... onde ninguén a vai mercar, ou no agro agostado onde o campesiño ara en van para obter o pan. Está ao noso alcance pero non só pasamos dela, senón que a desprezamos en conivencia coa aprobación da bóla inculta. Salgamos desa bóla. Habelos “hailos”: busquémolos.
FE DE ERROS: ONDE ESCRIBIN LEOPOLD BLOOM QUIXEN POÑER HAROLD BLOOM.
LECTURA SÉCULO XXI
Cretine4@hotmail.com
VISITEN TAMÉN:
http://openultimochanzo.blogspot.com
http://apapeleiradereciclaxe.blogspot.com |