“LITERATÚA”

Farto de ler estes días sobre o que a literatura é e non é; sobre tramas, estruturas, estilos. Non puiden menos de botar os ollos cara dentro para revisar os andeis interiores e “ver” que literatura é ser, non estar, permanecer, non figurar, envorcar teu mundo para ninguén, non adaptar unha parte de teu mundo aos posibles alguén.

Literatura é esencia humana sublimada, non trama. Ser humano reflectido no atramentum; no escrito, no que ha ficar, non estrutura. Permanencia inmanente, non estilo. Pois literatura é o mundo, pero el non o sabe.

Literatura non é presentación, nó e desenlace, senón presentación, esencia, prestancia, consagración e eternidade, cuxa esnaquizada copia é o tempo. É estar de xeito perpetuo no penúltimo chanzo dunha escalinata que non leva a ningures, porque nunha hai, haberá, unha fartura, unha satisfacción ou plenitude, unha chegada gloriosa a un parnaso.

Literatura é unha perseveranza, a crítica da ninfa Eco, unha lealdade, un vivir sen vivir, pero vivindo. Unha submisión, dúas, todas as submisións aceptables (as outras non son nada; menos literatura). Unha malleira vital, un puñazo constante que nunca persuade de nada, un eco baldío. Éo todo, pero non é nada. Literatura é o mundo pero el, pobre, aínda non o sabe.

Aspirante a literato

LITERATÚA
Comenta o texto no novo foro:
cretine4@hotmail.com
Pasa a criticar/comentar o texto no foro "El fotomatón":
<http://boards.melodysoft.com/FOTOMATON/>
VISITEN TAMÉN (se queren e se lles pon ben):
<http://openultimochanzo.blogspot.com>
<http://apapeleiradereciclaxe.blogspot.com>

Ir á Portada volta atrás imprimir Volver ó menú de Relatos e Disertacións