| LUME
Ola, son un común consumidor de prensa e libros. O outro día vin unha adaptación cinematográfica dun libro curioso, naif e algo infantil, dun escritor ainda vivo que sempre turrou da miña querenza literaria. Falo do creador das Crónicas Marcianas, Ray Bradbury, o adaíl dos comezos da ciencia ficción literaria. O libro en cuestión era Fahrenheit 451. Digamos que un antecedente -se se me consinte- de Os Libros Arden Mal, de Manuel Rivas e das prácticas pirómanas do personaxe estrela de Manuel Vázquez Montalban, Pepe Carvalho. Trátase da historia dunha sociedade futurista distópica na que o corpo de bombeiros está concibido para prender lumes, alleo á ortodoxia das extincións; pero lumes tan só alimentados con clásicos da literatura universal. Digamos que o corpo de bombeiros neste caso é un órgano represor da cultura, prohibida no canto dunhas emisións uniformadoras e estandarizantes. Os libros prohíbense porque segundo o goberno non traen máis ca desacougo e, segundo o xefe de bombeiros, os homes que len pénsanse máis listos ca os demais.
O clímax da historia amósanos as reflexións que fai un dos bombeiros tras coñecer a unha mestra librepensadora que o insta a ler algún dos libros que queima. Reflexións que o van convertendo nun ente inquedo que rematará “botando por terra” a súa vida cómoda e estúpida en favor da cultura e a intelectualidade.
A película, algo inxenua e romántica coma o libro, dirixida por Françoise Truffaut, é do ano 1966, unha época na que tampouco se valoraba de xeito excesivo a letra impresa. Arrepiante só de pensalo. Menos mal que só e ficción e completamente diferente, agora podemos respirar aliviados, pois vivimos na era da culta cultura; no cadafalso da liberdade de expresión, envexa inconsciente doutras culturas atrasadas.
É mércores, estou de vacacións, saio da casa e vou comprar El Jueves, a miña revista favorita, prensa certeira e mordaz e digna dos trasnos máis acedos, cando, para a miña sorpresa, atópome na maior praza da cidade unha pira de revistas ardendo ominosamente cara o ceo ante a marcial presenza do Conde Pumpido. QUE ESTÁ A PASAR????? QUE ALGUÉN MO EXPLIQUE!!!
|