“Literatúa”: A VIDA NOVA DE MADAME BOVARY

Que humano é perseguir os soños, buscar permanentemente a felicidade e tentar, sen éxito, fuxir do desacougo. Son as constantes dos personaxes entrañables (e reais) deste libro de Xosé Carlos Caneiro cos que o lector convivirá para sempre unha vez concluída a lectura. Unha lectura que se repetirá, cal eterno retorno, ao longo das nosas vidas: Hermelinda, Prudencio, Tranquilina, Aurorita, Lolito, Delmiro, Arístides, as putas estudiantes de medicina, Román Catarino e súa dona con alzheimer, o fillo homosexual de Hermelinda mailo seu mozo, Erundina, Marquitos, a psiquiatra, Tristán Luces, Libardino Romero saído dos mundos de marabilla de Ébora... todos, teñen moitísimo que aportarnos a través de reflexións de literatura en literatura, que converxen nunha grande mente grupal ou conciencia colectiva; fiel descritora do mundo éste que nos aperta e nos afoga. O libro compéndiao todo, nunha loita común por perseguir á felicidade nun taxi vello, avariado, lento e caro, con taxista pouco destro e pouco afeito aos camiños: siga a esa felicidade, por favor!.
É literatura compendiada en setecentas páxinas como filloas de mel, que nos obrigarán a volver a elas outra vez, sempre outra vez. Empalagarnos, degustar, paladar, volver ao Gatopardo, o micromundo necesario que nos advirte das cláusulas desta vida condicionadora e interesada. Porque atención, lector, ao Gatopardo, porque o Gatopardo é o mundo, e o mundo é literatura. A Vida Nova de Madame Bovary é esencia humana sublimada, non trama. Ser humano reflectido no atramentum; no escrito, no Gatopardo, no que ha ficar. Non estrutura. Permanencia inmanente, alen estilo. O Gatopardo é literatura, e literatura é o mundo, pero o mundo non o sabe, lector. O mundo pode estar nas súas mans con A Vida Nova de Madame Bovary.
A nova vida de Hermelinda Bovary non é presentación, nó e desenlace, senón presentación, esencia, prestancia, consagración e eternidade, cuxa esnaquizada copia é o tempo. É estar de xeito perpetuo no penúltimo chanzo dunha escalinata que non leva a ningures, porque nunca hai, haberá, unha fartura, unha satisfacción ou plenitude, unha chegada gloriosa a un parnaso. Pero ela sabe como reflectir este desacougo noso; estigma e baluarte da humanidade.
A Nova Vida... é literatura. E literatura é unha perseveranza, a crítica da ninfa Eco, unha lealdade, un vivir sen vivir, pero vivindo. Unha submisión, dúas, todas as submisións aceptables (as outras non son nada; menos literatura). Unha malleira vital, un puñazo constante que nunca persuade de nada, un eco baldío. Éo todo, pero non é nada. A Vida nova de Madame Bovary é o mundo pero el, pobre, aínda non o sabe.
Quedemos logo coa nova vida, a nova vida que viviremos os lectores desta novela.

Jorge Emilio Bóveda

VISITE O NOVO FORO:
http://ofotomaton.wordpress.com

Ir á Portada volta atrás imprimir Volver ó menú de Relatos e Disertacións