| MANIQUEÍSMO OU A MIRADA DO OUTRO
Dende tempos de Homero coa súa Ilíada e Odisea —ou quizais dende antes; dende as orixes da chamada literatura— as historias de ficción avanzan co protagonismo dun personaxe principal e dun antagónico ou contrario que se mostra como oposto e sempre vertebra o conflito que da lugar a que se desenvolva unha trama. Iso sempre, claro, se estamos a falar dunha historia expositiva. O personaxe principal case sempre se identifica co ben e o antagónico co mal (rara é a vez na que se trocan os roles) conferindo a esas historias obxectivas e expositivas un fin de catarse, evasión e tranquilidade do lector ou espectador, pois na meirande parte dos casos o ben sempre triunfa sobre o mal, e iso acouga as nosas teimas. Casuística profusa, como sempre: vaqueiros e indios, Van Helsing e Drácula, Sherlock Holmes e Moriarty, James Bond e doutor No, americanos e charlis, “bos” e “malos”; maniqueísmo.
Como non hai historia máis grande nin fonte referencial mellor que a propia vida humana podemos topar tamén exemplos numerosísimos de protagonistas e antagónicos na historia da humanidade dende as súas orixes. Pero neste caso, na veracidade de feitos e seres, non é aconsellable deixarse levar polo patrón básico que determina e asocia a bondade cun “principal” e a maldade cun “antagónico”. Por qué? pois porque a análise racional vai máis aló da simpleza dos arquetipos dunha novela de xénero para adolescentes. Os roles fúndense e hai que clamar polos patróns racionais. Exemplo. Para aburrir: nas historias do oeste americano empatizabamos cos vaqueiros como bos e cos indios como bechos malísimos salvaxes e asasinos. Pero na historia real dos Estados Unidos sabemos que a reacción dos Apache e outras tribos foi a lóxica de quen se sinte abafado. Mírese o Iraq, por exemplo, ou en calquera territorio de conflito cun opresor e un oprimido.
Pero un exemplo dos que máis tira o sono a este que firma e o dos creacionistas e os evolucionistas. Os creacionistas, inspirados nos dogmas relixiosos, cren que a terra e cada ser vivo que existe actualmente proveñen dun acto de creación por un ser divino; sendo creados eles de acordo cun propósito divino, mentres que os evolucionistas son defensores do evolucionismo, que é un paradigma científico da bioloxía que se transmitiu como teoría á disciplina prehistórica dende as súas orixes, debido á forte influencia das ciencias naturais, como a paleontoloxía e concretamente da obra de Darwin A Orixe das Especies. En casos coma este sería complicado colocar a etiqueta de antagónica a unha das dúas caras nun tento á neutralidade. Suporíase que as dúas serían antagónicas unha respecto da outra. Pero o que si se podería subscribir case de lei e que o evolucionista sabe xogar no campo do creacionista aceptando a existencia do creacionismo pero o creacionista enarbora o dogma en contra do evolucionista.
Poderíamos cambiar perfectamente a palabra evolucionista por progresista ou aperturista e a palabra creacionista por reaccionario, dogmático ou absolutista. Ou por máis palabras, nomes, substantivos, adverbios ou o que se terce. Na realidade ningún principal triunfará nunca sobre un antagónico nin un antagónico sobre un principal. Diversidade e respecto son o desexable par de palabras. Pero estas van collidas da man. Diversidade e respecto. Que si.
O outro
MANIQUEÍSMO OU
A MIRADA DO OUTRO
Cretine4@hotmail.com
VISITEN TAMÉN:
http://openultimochanzo.blogspot.com
http://apapeleiradereciclaxe.blogspot.com
|