NA PROCURA DA MEMORIA PERDIDA

Ola posibles lectores desta colectánea de ánimas, chámome Johann Wolfgang Von Valdemar, de pai alemán e nai sudamericana (ou ao revés, tanto ten), son un simultaneador de lecturas sen orde nin concerto; un amoreador de datos na miña biblioteca do esquecemento. Nacín non sei cando e morro todos os días, porque percibo dende a miña torre de libros e cultura que a sociedade na que vostedes viven está demasiado embebida no progresismo. Progresismo, seino, é ir cara diante, pero ás veces (moitas) é preciso ir tamén cara atrás para loitar coa brava dama da desmemoria, unha señora que sería un antagónico ideal en calquera novela barata. A memoria debería ter un valor que non se lle da.

Nunha das miñas estadías na Auria coñecín a un ser cultísimo chamado Tomás Bóveda; pintor de raizame clasicista e grande formación académica (Ourense, Sevilla, Madrid, Canarias e A Coruña), que frecuentou diversos cenáculos culturais en Ourense, cultivando a amizade de homes da Atenas galega como o escultor Faílde Gago, Prego de Oliver (discípulo de Bóveda), Blanco Amor (seu tío, a quen admiraba), Antón Tovar, Antón Risco ou o mesmo Otero Pedrayo (entre outros moitos tamén importantes).

Foi artista xenio no envorcamento do submundo de santeiros, irredentos, pobres xentes pobres, e pícaros, así coma retratos que lle encargaban e que resultaban ser tan terriblemente reais que ensinaban con descaro a esencia e case a alma do retratado; reais até o insulto. Tamén paisaxes, que interpretaba cunha íntima liberdade, pero sempre cun pé apoiado na súa raíz clásica; seu fondo coñecemento dos clásicos. Por iso sabía tanto de pintura, por iso , que dicía Xosé Corral Díaz alá polos anos oitenta ao abeiro da derradeira exposición pictórica a título póstumo no Ateneo ourensán.

Introvertido pero non tímido, conversador pero non falador (non é o mesmo), taciturno e cauto, seu benfacer na pintura abaleaba con presteza e xeito entre o predominio da intencionalidade plástica e a tendencia ao esquematismo compositivo, e a súa exposición dos arquetipos inframundanos era referendada, quizais, polo seu sentido do humor fino, irónico; de puro irónico. Figuras que a sociedade de mediados de século rexeitaba volvíanse exquisitas e danzaban estáticas (se me consinte o oxímoro), maxistralmente, no seu lenzo e no seu interior. E nolas ensinaba, se queríamos, nolas ensinaba. Morreu no ano 1982, tras ter nacido no 1910. Morreu no oitenta e dous e eu morro todos os días xusto despois de que a desmemoria me fira de morte cos seus cubos de pintura branca insulsa. Cando tapa ignorante o patrimonio confiando (segura de si mesma) en que os habitantes do presente tan só miren cara adiante. Cara adiante si pero, por favor, cun pe no pasado.

Johann Wolfgang Von Valdemar

NA PROCURA DA MEMORIA PERDIDA
© 2007 Jorge E. Bóveda
cretine4@hotmail.com

Pasa a criticar/comentar el texto en el foro "El fotomatón":
http://boards.melodysoft.com/FOTOMATON/

Ir á Portada volta atrás imprimir Volver ó menú de Relatos e Disertacións