NON ROUBEMOS AO LADRÓN

Á hora de xulgar as actuacións dos demáis, decateime de que a obxectividade se perde e se desvirtúa coas circunstancias persoais de cada quen. Se a A lle parece mal o xeito de traballar de B e llo expresa sen considerar o esforzo que fai B, quizais A teña unha vida sexual desastrosa, ou a súa parella quizais non era o que agardaba e sempre calou, ou quizais os fillos decepcionárono, ou quizais a hipoteca o afogue, ou quizais os pais vaian vellos e se ten que facer cargo deles... O caso é tentar desafogar calquera halo de negatividade dalgún xeito; buscar o famoso, e digno de lástima, chivo expiatorio.

Tamén hai casos nos que o que xulga medrou cuns proxenitores que lle ferraron a lume uns dogmas que sabe que ten que cumplir, aínda que non o faga sempre e aínda que se permita xulgar ao próximo polos mesmos “males”. Conduta humana abraiante, pois vemos dende a tristura que existen persoas que tentan imprimirnos orde coa trastenda desordenada, que nos din onde temos que mercar aínda que eles vaian ao barato, que nos din como temos que criar aos fillos aínda que os seus amosen comportamentos propios dos raposos, que nos din como temos que traballar cando seu xeito de facelo ande algo coxo e, en definitiva, que dan a cara co cú sen limpar. Non debería ser. Ordenemos a trastenda antes de falar ou do contrario estaremos roubando aos ladróns. Que pensan?

cretine4@hotmail.com
Visiten o novo foro:
http://ofotomaton.wordpress.com

Ir á Portada volta atrás imprimir Volver ó menú de Relatos e Disertacións