NON VEN DADO, DÁSE COS PASOS DADOS

Este título case críptico responde a un debate suscitado sobre a intelixencia das novas xeracións de seres humanos que poboamos esta mandarina xigante. Nun programa de radio iluminado uns locutores iluminados ousaron dicir que o oitenta por cento dos nenos e as nenas que nacen nestas novas xeración son nenos “Índigo”. Unha denominación un tanto mística que mete as puntas dos pes no pantano da ciencia ficción. Uns nenos estes cunhas características físicas peculiares: rangos afiados, esveltos, cabelo claro e ollos azuis e intelixencia portentosa; chamados “Índigo” por emitir unha áurea invisible (¡!) desa cor. Como ven toda unha explicación rocambolesca xurdida ao abeiro da publicación dun libro nos comezos da década dos oitenta do século XX por parte dunha psicóloga americana tamén iluminada; unha explicación da altura intelectual dos nenos e nenas das novas xeracións. Houbo incluso quen viu na chispa dos nenos e nenas novos unha conspiración interplanetaria... que eu puiden ver ao pe da letra en dúas películas baseadas nunha novela moi anterior ao “descubrimento” desa señora: Los cucos de Midwich, por John Wyndham (década dos 60); traducida do inglés por Barbara McShane e Patrick Alfaya McShane. Madrid: Acento, 1997. (Club; 6). Traducción de: The Midwich Cuckoos. Baixemos os pés á terra, tirémolos da auga da ciencia ficción e sexamos algo máis sensatos.

Outros sectores achacan ese incremento na capacidade intelectual dos nosos nenos e nenas á teoría da evolución de Darwin, sostendo que por selección natural os xenes dos nosos púberes veñen reforzados de nacemento en función da futura vida tecnolóxica e complicada que lles agarda. O que nos fai chegar á conclusión; o que me fai chegar a concluír a min, mudo de atalaia, que hai moitos menos escribidores de ciencia ficción dos que podería haber. Non descreo da teoría da evolución de Darwin pero suponse (sentidiño común en riste) que opera a moitísimo máis longo prazo, e non a vinte anos vista.

É indubidable que os nosos nenos son moito máis espelidos que hai trinta anos, pero nese incremento intelectual inflúen factores sociais principalmente, non tanto científicos nin moito menos rocambolescos. A vida nos anos setenta en España tiña resaca dun goberno represor fustrigador que produciu familias maiormente conformes e submisas sen ambición intelectual. Os nosos pais casaron moi novos e con escasos coñecementos pedagóxicos, reducíndose estes aos valores tradicionais reaccionarios (en grande parte dos casos), se a isto sumamos un período histórico previo a unha transición democrática e con desenvolvemento cultural nulo e económico precario, explica que os que hoxe somos trintaañeiros creceramos cos estímulos do Scalextric, a Nancy, o Cinexin, o coche fantástico,  e pouco máis, en detrimento ao rápido avance tecnolóxico e social que envolve aos meniños destas novas xeracións. Non ven dado, senón que é consecuencia dos pasos que se van dando. Ou non? Da para debate. Lembren que hai un foro nesta páxina.

O mudo de atalaia

 

 NON VEN DADO

cretine4@hotmail.com

visiten tamén:

http://openultimochanzo.blogspot.com

http://apapeleiradereciclaxe.blogspot.com

 

Ir á Portada volta atrás imprimir Volver ó menú de Relatos e Disertacións