NOVA BIBLIOTECA DE BABEL

O relato orixinal: La Biblioteca de Babel forma parte da colección de relatos Ficciones do xenial escritor arxentino Jorge Luis Borges. Sexa esta perspectiva un texto expresado co maior dos respectos ao mestre.

Espazos que como estadas conteñen libros, libros que conteñen reflexións, introspeccións, ideas, febrís e inxenuos desexos de cambio, apoloxías da liberdade, pretensións exacerbadas, mundos interiores, mundos que conteñen mundos, mundos que conteñen mundos que conteñen mundos; mundos de capítulos, capítulos de parágrafos, parágrafos de sentencias, sentencias de cláusulas, cláusulas de palabras, palabras de grafemas, grafemas multiplemente combinados, espazos, tempos, puntos, signos, expresión de todo e de nada e do que está por vir. Quedan humanidades por nacer, quedan voces que escoitar, queda TODO por dicir. As combinacións das letras de calquera alfabeto mundial son finitas, pero o tope dese número enormísimo está a unha distancia imposible de sospeitar. Tan só somos seres humanos. Lembremos ao tamén enormísimo Carl Sagan cando dicía que hai máis estrelas no universo que grans de area en todas as praias do planeta terra. Quedan moitas estrelas por observar; algunhas vánsenos apagar esgotadas tras “n” tempo ofrecendo súa luz sen concesións, sen agardar que ningún observador as contemplase, outras levarán mortas millardos de unidades temporais, outras delas vannos cegar; a meirande parte nunca existirán para nós. Non hai présa, pero tampouco hai tempo, e en tendo pouco tempo somos poucos os interesados nestas descubertas. Nestas combinacións novas a media eternidade da repetición cíclica.

Custa imaxinar a inxencia dunha biblioteca de tal magnitude. Poderíamos imaxinar complicadas estruturas hexagonais coma no seu día imaxinara o mestre Borges. Ou, posuíndo un intelecto máis modesto (coma o meu), poderíamos chegar a visualizar longos corredores, corredores con estadas, estadas con volumes, volumes con parágrafos de letras combinadas... pero cos tempos cronolóxicos mesquiños que nos apertan. ¿¿¿¿Non sería práctico imaxinar a inxente biblioteca en relación cos microprocesadores, o código binario, os libros electrónicos, o internet, as bitácoras cibernéticas (blogs) e a “nova era” das comunicacións onde a inmediatez prima no que falta por dicir e os medios de difusión son inxentes, prácticos, versátiles e accesibles???? Probablemente haxa máis combinacións en código binario para completar unha modesta biblioteca de clásicos literarios que grans de area en todas as praias da Gallaecia. A informática é quen do mellor e do peor, pero non tan deostable se pensamos no seu potencial para conter e difundir sabedoría. Ou non?

Un Bibliotecario cibernético

PD: ningún soporte terá nunca o encanto e o romantismo dun libro impreso e encadernado ocupando uns andeis accesibles.

NOVA BIBLIOTECA DE BABEL
Cretine4@hotmail.com
VISITEN TAMÉN:
http://openultimochanzo.blogspot.com
http://apapeleiradereciclaxe.blogspot.com

Ir á Portada volta atrás imprimir Volver ó menú de Relatos e Disertacións